Saltar ao contido

Iago Martínez: “Prometeron un ferry a Inglaterra e non foron quen nin de poñer un carril bus en Juan Flórez. É o prezo de empeñarse nun executivo en minoría”

A 40 días das eleccións, Inés Rey está sen proxecto de orzamentos, coa peor execución da década e con cen millóns de euros sen gastar do ano pasado

O Pleno aproba a reforma da Ordenanza de Benestar Animal, con emendas da Marea Atlántica que melloran o proxecto

Aprobadas por unanimidade as tres mocións da Marea Atlántica, para reforzar o servizo de BiciCoruña, reactivas o programa Patios Abertos e para reclamar “Limpeza na Limpeza”.

“Se traen os convenios case igual có ano pasado, con mesmo importe e sen diálogo, por que tivemos que agardar ata abril? Por que non en decembro como lles pediu Xan Xove? Por que tiveron ás entidades sociais na incerteza durante meses?”. O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martinez, fixo estás preguntas no Pleno do mes de abril, celebrado hoxe, e non tivo resposta por parte do goberno local, pero os motivos semellan evidentes: “Este mandato está esgotado. O PSOE empeñouse en gobernar en minoría e non dá para máis. Agora lles tarda que o árbitro pite o final. Prometeron un ferry a Inglaterra e non foron quen nin de poñer un carril bus en Juan Flórez”. 

O grupo municipal da Marea Atlántica abstívose na votación dos modificativos de crédito presentados polo goberno, para non bloquear a súa aprobación e non castigar aínda máis ás entidades, que tardarán aínda en ver a aprobación definitiva. Pero non podemos darlle un voto a favor a esta forma de gobernar, chegando a abril cos deberes en facer e sen ter sequera un proxecto de orzamentos para este ano. 

Cos modificativos, por certo, o goberno tivo que presentar unha serie de datos económicos que non deixan a súa xestión en bo lugar. Rematamos 2022 coa peor execución orzamentaria da última década. Como explicou Martínez, “quen chegaron como campións da xestión, executaron o ano pasado un 72% do orzamento, e un 24% dos investimentos. Deixaron cen millóns sen gastar. A media da Marea Atlántica foi do 80% e o 32%, respectivamente”.

Tamén se incumpriu o período medio de pago a provedores desde o mes de xaneiro, segundo sinala o informe do interventor. E por este motivo, o Concello está obrigado a dedicar o remanente a pagar facturas, e os convenios e demáis gastos destes modificativos deben financiarse cun crédito bancario de 11 millóns, incrementando a débeda municipal. Mírese por onde se mire, isto non pode cualificarse coma boa xestión. 

Un mandato perdido para o benestar animal

O goberno trouxo tamén a reforma da Ordenanza de Benestar Animal, cunha proposta moi pouco ambiciosa. Porén aproveitamos o trámite para mellorala cunha serie de emendas que foron aceptadas. Saiu aprobada co noso voto favorable, pero precisará unha revisión a fondo no futuro. 

Así, introducimos a capacidade de delimitar zonas para cans nas praias, mesmo de xeito temporal, para explorar opcións máis alá da praia de Bens, que precisa urxentemente mellorar as súas condicións. E consolidamos a xestión ética das colonias felinas, que se introduciron no pasado mandato e demostrou ser eficaz para controlar a poboación de gatos ferais, en colaboración coas asociacións protectoras de animais.

Con todo, a nosa voceira municipal, María García, tivo que lamentar que “a reforma que se nos trae sexa case un trámite, e represente ademais a única medida de benestar animal de todo o mandato. Foron catro anos perdidos”. Nin sequera se aproveitou a renovación do contrato da canceira para municipalizala e mellorar o seu funcionamento. 

“Pola contra, no mandato de Xulio Ferreiro elimináronse as touradas e o uso de animais en espectáculos, traballouse polo sacrificio cero, formouse á Policía Local na loita contra o maltrato animal, lanzáronse varias campañas pola adopción e implantouse o sistema das colonias felinas. Para que o Concello volva traballar nesta liña teremos que agardar ao 28 de maio, cando a Marea Atlántica volva ao goberno con Xan Xove á cabeza”. 

Convenio para a ampliación do CHUAC

O Pleno tivo que aprobar, de novo, o convenio coa Xunta para a ampliación do CHUAC. Houbo que corrixilo para que o Concello non asuma as expropiacións para unha infraestrutura autonómica. Como sinalou a nosa voceira María García, “non nos imos opoñer á mellora dun hospital que atende a unha área sanitaria de máis de 600.000 persoas, pero a tramitación e planificación está a ser ben chapuceiras”.

Desde a Marea Atlántica abstivémonos na votación e seguiremos a traballar para mellorar o máximo posible o proxecto. Como fixemos xa en 2021, co voto particular no que reclamamos que a ampliación respectase as vivendas, e en 2022 coas alegacións aos accesos, nas que esiximos eliminar a rotonda en altura que tanto impactaba na paisaxe, no núcleo tradicional das Xubias, no pazo Guyatt e na contorna verde de Eirís.

Aprobadas por unanimidade as tres mocións da Marea Atlántica 

Todos os grupos da Corporación Municipal apoiaron hoxe, por unanimidade, as tres mocións presentadas pola Marea Atlántica. A primeira das nosas mocións sinalou as carencias do servizo de BiciCoruña, que está a ter gran éxito, pero no que detectamos barrios de primeira e de segunda grazas a un diagnóstico realizado cun software propio, que mide o uso das estacións minuto a minuto. 

A nosa voceira, María García, lembrou que van dez meses desde a chegada da bici eléctrica á Coruña, deseñada e financiada no goberno de Xulio Ferreiro, e foi un éxito rotundo. “O uso de BiciCoruña multiplicouse por catro, con 62.000 viaxes en febreiro, pero non se puxeron medios para atender este crecemento. Faltan persoal e faltan medios para repoñer as bicis a tempo”. 

Así, e cos datos na man, no centro sempre hai bicis dispoñibles. En Monte Alto e a rolda de Outeiro, tes un 25% de posibilidades de atopar a estación baleira. E en Someso, Feáns, Novo Mesoiro ou Visma non teñen sequera estacións: das 55 previstas, hai 22 que aínda non se instalaron. 

En todo caso, vemos que BiciCoruña ten máis uso de 8:30h a 10h da mañá, na primeira hora punta do día, o que demostra que está a converter nunha alternativa sólida para a mobilidade cotiá. Hai que reforzalo para que se consolide, igual que hai que ofrecer un mellor servizo de bus para que a xente teña menos motivos para coller o coche. 

Limpeza na limpeza

A segunda moción centrouse en reclamar limpeza na limpeza. A investigación da trama do sindicato maioritario na recollida de lixo e na limpeza viaria puxo de manifesto o goberno local está a faltar o seu deber de supervisión e control das empresas.

María García explicou que “o goberno da Marea Atlántica sufriu a conflitividade nestes servizos, con varias folgas encubertas. Do resto dos partidos, atopamos silencio no mellor dos casos, insultos e acusacións no peor. Pero non imos pagar coa mesma moeda. Faremos propostas con serenidade, non críticas oportunistas”.

Neste sentido, pedímoslle ao goberno local que empregue as ferramentas que nós non tiñamos, pero que incluímos nos novos contratos de recollida de lixo e limpeza viaria. E que, ante a gravidade dos feitos que se están a coñecer, habiliten novas medidas, coma o buzón de denuncias anónimas que desde este ano é obrigado por lei. “Fagan o seu traballo, supervisen ás empresas. E apliquen as sancións que sexan necesarias. Teñen ferramentas mesmo para rescindir os contratos”, resumiu García.

Patios abertos ao barrio

O noso grupo defendeu, tamén, a recuperación e ampliación do programa Aberto ao barrio, que no pasado mandato abriu os patios dos colexios Juan Fernández Latorre, Alborada, María Pita, Torre de Hercules e Manuel Murguía, para que a veciñanza poida facer uso deles fóra do horario de clase. Tivo un apoio unánime. 

“Deste xeito, aumentamos a oferta de espazos para o ocio e o deporte dos nenos e nenas, e achegamos as escolas ao barrio, creando comunidade. É unha vella demanda das ANPAs”, explicou a concelleira Silvia Cameán. E lembrou que UNICEF recomenda encarecidamente crear espazos ao aire libre para o xogo e a socialización da infancia. 

Para facer realidade estas propostas, o mellor é confiar na Marea Atlántica, que en maio estará de volta no goberno. 

O goberno de Inés Rey chega ao Pleno de abril esgotado e pedindo que o árbitro pite o final do mandato