Saltar ao contido
Ausentámonos do Pleno en protesta pola actitude autoritaria da alcaldesa

Lamentamos a actitude autoritaria do goberno municipal, que tentou silenciar a crítica política do noso grupo. En protesta, abandonamos temporalmente o Pleno  

Denunciamos tamén a censura aos representantes da AVV do Castrillón, identificados pola Policía por amosar no Pleno uns carteis contra o peche da oficina de Abanca no barrio

A  Marea Atlántica, no Pleno do Concello da Coruña celebrado hoxe, votou en contra do modificativo de crédito presentado polo goberno municipal que incluía, entre outras cuestións, un recorte de 700.000 euros na actividade cultural do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE).  Como sinalou o noso vicevoceiro municipal, Iago Martínez, “ata en tres ocasións lles pedimos que reconsiderasen este recorte, e en todas negáronse a escoitar, deixando de lado ao sector cultural, que xera centos de empregos nesta cidade”. Se o Concello precisa fondos para financiar as medidas contra o COVID, ten orzamento e pode dispoñer de partidas como os 1,3 millóns de euros que se reserva para propaganda.

Iago Martínez no PlenoMartínez reclamou, de novo, un Plan de Choque Cultural para protexer a actividade económica neste eido, “que contaría con votos suficientes na banda esquerda do Pleno”, pero en lugar diso o PSOE preferiu o aplauso do PP e a antiga concelleira de Ciudadanos, que non consideran que a cultura sexa unha prioridade.

Engadiu que “o que o señor José Manuel Lage trae hoxe a este Pleno é unha proposta unilateral que, diga o que diga a propaganda, nin é de trámite nin é obrigada. Non o é porque con este modificativo de crédito o goberno do señor Lage Tuñas nos pide que lle deamos o visto bo á legalización de oito facturas irregulares, que é como lle chaman vostedes ao recoñecemento extraxudicial de crédito cando gobernan outros. E non é de trámite porque se nos pide o noso consentimento para reforzar con 120.000 euros partidas que esgotaron, polo que parece, en catro meses. Curioso, señor Lage, porque o estado de execución a 1 de xuño no IMCE é do 21,6%. Ten que ser mala planificación, non hai outra maneira de explicalo”.

Neste sentido, o concelleiro criticou tamén a “penosa xestión en materia cultural deste goberno”, que se nega a falar cos diferentes colectivos e asociacións. Engadiu, en ton humorístico, que a área de Cultura está en mans dunha “UTE Borrego-Celemín ou Sobral-Celemín ou Borrego-Sobral-Celemín, ou como queira que sexa, que eu nisto estou tan perdido coma calquera profesional da cultura desta cidade”, unha referencia ao confuso e ineficaz reparto de competencias.

Persecución da crítica e actitude autoritaria

Xiao Varela no PlenoDende o grupo do PSOE recibiron estas críticas, lexítimas dentro do debate político, cunha teatralización desmesurada, chegado a ameazar con acudir ao xulgado por calumnias. Na seguinte quenda de intervencións, o concelleiro Xiao Varela lamentou esta falta de cultura democrática, pediu que non se confundise a discrepancia cos ataques persoais e lembrou que “eu, como Alberto Lema e Claudia Delso chegamos a ser reprobados por verdadeiras calumnias, que logo a Xustiza demostrou que non tiñan fundamento”.

A reacción da alcaldesa cando Xiao Varela esgotou o seu tempo de palabra foi unha falta de respecto, nun ton que non empregou con ningunha outra persoa na Corporación, e negándolle o dereito a réplica. Ante esta demostración de autoridade mal exercida, as concelleiras da Marea Atlántica abandonaron o Pleno temporalmente.

Máis adiante, Alberto Lema, asegurou que “non van atopar nin silencio nin división na Marea Atlántica. Aínda que non lles guste, seguiremos a sinalar os problemas que atopemos. E pedímoslles que non simulen ofensas para evitar falar do que importa. Por exemplo, de que nestas datas só levan executado o 3,2% dos investimentos previstos para este ano”.

Censura aos representantes da Asociación Veciñal do Castrillón

Asociación Veciñal do Castrillón ante o peche de AbancaLamentablemente, a actitude autoritaria deste goberno tamén afectou aos representantes da Asociación Veciñal do Castrillón – IAR – Urbanización Soto, que acudiron ao Pleno para asistir ás interpelacións ao goberno municipal sobre o peche da principal oficina de Abanca no seu barrio, despois de que as súas peticións de entrevista coa alcaldesa non fosen escoitadas. Sacaron uns carteis de pequeno tamaño desde a tribuna do público, coas súas reivindicacións, e foron amonestados por Inés Rey e identificados pola policía local.

Denunciamos esta actitude, que é pouco compatible cun goberno democrático, e que contrasta co mandato de Xulio Ferreiro. Daquela todas as reivindicacións e pancartas, mesmo as críticas coa xestión da Marea Atlántica, eran benvidas no Pazo de María Pita, a casa de toda a veciñanza coruñesa.

 

Pactos pola banda dereita do Pleno

Nesta sesión do Pleno vimos tamén o sorprendente entendemento do PP e o PSOE en cuestións ben sensibles. En primeiro lugar, pactaron unha emenda á moción da Marea Atlántica na que se reclamaba unha oficina administrativa par axudar a tramitar as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital, como a que xa existe en Sada, ao igual que a mellora da pioneira Renda Social Municipal para chegar a máis familias. Coa emenda PP-PSOE, estas demandas caeron, deixando o texto en pouco máis que un brinde ao Sol, e a única solución que ofreceu a concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, foi cargar aínda máis de traballo ao persoal da súa área. Unha moi mala idea.

En contrapartida o PSOE votou a favor dunha moción do PP contraria á remunicipalización do servizo de bibliotecas, completamente contraria ao acordado tanto coa Marea Atlántica como co Bloque Nacionalista Galego. O incumprimento parece ser un signo deste goberno.

María Garc´ía no PlenoAs outras dúas mocións da Marea Atlántica, que reclamaban unha saída verde á crise da COVID19, e unha decidida aposta pública por reforzar os servizos sanitarios e sociosanitarios, si foron aprobadas pola maioría do Pleno. So o PP, máis partidario da privatización e a sobrexplotación do medio, evitou votar a favor.

Doutra banda, o Pleno tamén aprobou, por unanimidade, o Plan Local Protección da Ribeira do Mar contra a Contaminación que, como lembrou a nosa voceira, María García, “é o primeiro protocolo anticontaminación no mar desta cidade, e foi un documento elaborado pola Marea Atlántica. De feito, nin sequera o actualizaron para incluír a declaración de ENIL da contorna da Torre”.

 

Votamos en contra do recorte de 700.000 euros na actividade cultural, despois de que o PSOE se negase a reconsideralo