Tras a anunciada intención de restarlle medio millón de euros ás políticas culturais, instamos ao goberno a non ceder ás presións do PP e Ciudadanos e manter o investimento
Iago Martínez: “Hai límites aos eventos multitudinarios no espazo público, pero con imaxinación poden atoparse outras formas de fomentar a cultura nestes momentos de pandemia”
Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e representante no IMCE, preguntaralle ao concelleiro de Cultura na vindeira xuntanza deste organismo, este venres, cales son as súas previsións, tanto sobre o impacto da crise do COVID-19 no sector cultura, como sobre os plans para facerlle fronte. “Preocúpanos a falta de resposta do goberno municipal na situación que estamos a vivir. Queremos coñecer a súa análise sobre o impacto da pandemia no tecido cultural da cidade, os efectos sobre a programación prevista e as súas propostas para darlle apoio aos traballadores e as traballadoras do sector”, sinalou Martínez.
Esta preocupación polo futuro dos colectivos profesionais da cultura agrávase pola anunciada intención de recortar medio millón de euros nos orzamentos do IMCE, coa escusa de que será difícil celebrar as Festas de María Pita e o Festival Noroeste nun contexto de desescalada do confinamento. Este recorte conta, parece ser, co apoio de Ciudadanos e do Partido Popular, que vén o investimento cultural como algo a eliminar, e están pedindo unha rebaixa aínda maior.
Apoiar a cultura, non recortar
Pola contra, Iago Martínez lembra que “o que se está a limitar son os eventos masivos no espazo público, pero con imaxinación poden atoparse outros xeitos de fomentar a cultura nestes momentos de crise, como xa están a facer outras cidades”. O vicevoceiro lembrou a nosa proposta de manter o 100% do investimento en Cultura mediante novos formatos e colaboracións con outros sectores afectados pola crise. É cuestión de vontade política.
A falta de ideas da área de Cultura parece confirmarse coa sorprendente decisión de delegar as competencias de Festas na Concellería de Deportes. Sobre este particular, tamén preguntaremos ao concelleiro Jesús Celemín no Consello de Administración do IMCE.