Saltar ao contido

Non hai que agardar polo Estado para actuar: A Coruña pode ser pioneira como o foi coa renda social ou a gratuidade das escolas infantís. Os barrios precisan unha resposta canto antes

María García: “A Marea Atlántica non votará a favor da compra de terreos portuarios no centro a cambio de nada. Toda solución para os peiraos ten que ser integral e resolver a hipoteca da débeda”


A voceira municipal da Marea Atlántica, María Garcia, e o vicevoceiro, Iago Martinez, mantiveron hoxe unha reunión co concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, ao que lle trasladaron a man tendida do noso grupo para poñer en marcha de maneira urxente un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda no Concello da Coruña e mudar o rumbo da política urbanística. “Non temos que agardar polo Estado nin pola Xunta, que levan anos de brazos cruzados. A Coruña pode ser pioneira na loita polo dereito á vivenda, como o foi coa Renda Social Municipal ou coa gratuidade das escolas infantís”, sinalou a nosa portavoz. 

Neste sentido, as nosas concelleiras reclamáronlle a Villoslada, que é unha peza clave no goberno de Inés Rey, que recapacite e “dea un golpe de timón na política urbanística: fronte á indiferenza ante as necesidades da xente común, man tendida aos barrios; fronte á submisión ao Estado, defensa dos intereses da cidade”. Para a voceira da Marea Atlántica, “un goberno que se di progresista debería estar do lado da veciñanza que máis o precisa, non dos poderosos. Cos barrios que padecen, con quen ten dificultades para pagar o aluguer, non coas grandes inmobiliarias que fan caixa cun ben de primeira necesidade como é a vivenda”.

As medidas concretas desde plan dependerían da negociación co goberno, pero deben ter un enfoque amplo e ambicioso, e complementarse con actuacións noutros eidos, como o reforzo dos servizos sociais tras o recorte do último ano, melloras na mobilidade e iniciativas como Mover os Baixos para recuperar tamén os locais baleiros e a actividade económica.

Un camiño equivocado no borde litoral

Doutra banda, o rumbo de cuestións cruciais está a desviarse moito do interese xeral da cidade. E temos no porto o exemplo principal. “O goberno de Inés Rey parece empeñado en pregarse aos intereses do Estado e defender o pago da débeda a calquera prezo”, sinalou García. Na xuntanza tamén se falou sobre o futuro dos peiraos interiores da Coruña, e convidamos a Villoslada a mudar o rumbo e saír da trampa na que está a meter ao Concello. María García advertiu de que “a Marea Atlántica non votará a favor da compra de terreos portuarios no centro a cambio de nada. Isto non pode ser unha poxa. Toda solución ten que ser integral e resolver a hipoteca da débeda”. 

De nada vale hipotecar os investimentos municipais ata 2035 para poñer 20 millóns de euros cos que mercar unha parte dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, a máis do dobre do prezo do que o propio Estado taxa eses terreos. Conseguir a condonación da débeda ou unha axuda equivalente é posible, pero esixe compromiso, firmeza e alianzas.

Volvemos pedirlle ao goberno de Inés Rey que defenda os intereses da cidade e busque unha alianza firme para reclamar a condonación da débeda, como se fixo en Valencia, cunha achega nos Orzamentos do Estado. “Por moitas voltas que lle deamos ás palabras, non ten sentido que o Concello a pague unha obra coma o porto exterior, que é de interese xeral do Estado. Loitar polo ben da cidade é máis importante que sacarse unha foto para as eleccións. Haille que levantar a hipoteca aos peiraos”.

Demora constante no cumprimento de acordos

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación ao remate da xuntanza, María García expresou preocupación porque “os acordos co PSOE non se están a materializar en tempo e forma, a pesar da nosa vontade de colaboración. Xa estamos case en outubro e os avances son lentos, pode que por cuestións internas. Tememos que os orzamentos 2022 acumulen atraso pola inacción do goberno local, agravando as consecuencias da mala decisión da alcaldesa de privar ao Concello de contas en 2021”. Como proba desta demora constante, citou a convocatoria dos Orzamentos Participativos, anunciados en xullo e non convocados ata o pasado 20 de setembro.

A Coruña precisa de forma urxente un Plan Municipal polo Dereito á Vivenda