O Forum Metropolitano acolleu esta tarde unha nova xuntanza sobre o Plan Municipal Polo Dereito á Vivenda 2022-2026, na que participaron un total de doce asociacións veciñais da Coruña:

Entre Rondas
O Ventorrillo
A Barcarola – Catro Camiños
Oza, A Gaiteira e Os Castros
Enseada do Orzán

San Pablo
Paseo das Pontes e Cidade Xardín
Os Mallos
O Castrillón – Urbanización Soto IAR

Os Anxos San Cristóbal das Viñas (O Birloque)
Palavea
Feáns
Federación de Asociacións Veciñais

O encontro estivo copresidido pola voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada.

Trátase do terceiro encontro sobre o Plan de Vivenda, tras os celebrados con entidades sociais e organismos profesionais e institucións. Esta rolda de contactos forma parte do acordo asinado polo PSOE e a Marea Atlántica en decembro, co compromiso escoitar á sociedade civil organizada é dialogar con ela, para mudar a medio prazoa políticas de vivenda do Concello e achegalas ás necesidades da xente e non aos intereses do mercado inmobilario.

Dentro deste pacto pola vivenda tamén se inclúen actuacións máis inmediatas, que sumarán máis de 9 millóns de euros nos Orzamentos 2022 do Concello da Coruña, e se se lles presentaron hoxe aos colectivos veciñais. Entre outras cousas, servirán para ampliar a bolsa de alugueiro social, a compra de inmobles e soares para a promoción de vivenda pública e o aumento das axudas á rehabilitación.