A rehabilitación e recuperación dos pisos baleiros, a vivenda social e a loita contra a burbulla de prezos deben ser os eixos de actuación do goberno municipal da Coruña
María García: “O PXOM de 2013 xa promovía un crecemento de poboación que non se cumpriu. Pero que lle abriu a porta a pelotazos como o das Percebeiras”
A voceira da Marea Atlántica, María García, pediulle hoxe ao goberno municipal que poña en marcha un Plan de Vivenda, “para protexer o dereito a un teito antes que para fomentar a especulación inmobiliaria”. Para iso, pediulle que respecte as bases da nosa moción aprobada no Pleno do 3 de decembro, co voto favorable de toda a Corporación agás o PP: máis rehabilitación, recuperación dos pisos baleiros e loita contra unha nova burbulla de prezos.
María García lamentou que o goberno estea a difundir un estudo encargado por EMVSA, no que se indica que serán necesarias 12.000 vivendas novas en 12 anos na Coruña, en base a unhas previsións moi optimistas de crecemento de poboación. Pero este enfoque ten dous problemas graves.
“O primeiro, que o PXOM de 2013, prevía xa un enorme incremento de poboación e de vivendas novas nunha década. Un cálculo que resultou ser falso, pero que hoxe permite actuacións como o das Percebeiras, tan problemático como contestado pola veciñanza”, sinala María García.
O segundo problema é que “este suposto aumento da poboación se emprega para pedir máis construción de vivenda, pero nunca para planificar o aumento da demanda de servizos: máis escolas infantís, axudas sociais, transporte público… Iso non le interesa ao PSOE”, apunta a nosa voceira.
O estudo ten outros puntos febles. O seu cálculo de vivendas baleiras a partir do consumo de auga, presuntamente 11.817, deixa no aire máis de 20.000 inmobles que teñen contadores comunais, e que non sabemos se están baleiros ou non. Tampouco ten en conta para nada o territorio, e esquece que o termo municipal da Coruña é un dos máis densos do estado. Ten case tantas vivendas en 37 km2 como Vigo en 97 km2 . Pero asumir ou non estes datos e as súas contradicións é unha decisión política, como o é fomentar un regreso a cultura do pelotazo.
Volta aos tempos da especulación
María García sinalou que “nas últimas semanas estamos a ver titulares moi favorables aos intereses da especulación inmobiliaria, como a luz verde da Xunta á construción en Percebeiras, determinados desenvolvementos na Ría do Burgo á beira con Culleredo, e a proposta de reordenación dos peiraos interiores con moito espazo para a vivenda en San Diego e Petroleiro. É preocupante”.
Para a nosa voceira, “cómpre priorizar as políticas de protección do dereito á vivenda, un dereito fundamental recollido na Constitución, fronte aos beneficios dos que só pensan na vivenda como unha mercadoría”. Por iso, para corrixir esta tendencia, reclamamos un Plan de Vivenda amplo, centrado en garantir o acceso a un teito, e adaptado ás necesidades reais da xente da Coruña.
Rehabilitación e recuperación das vivendas baleiras
María García, pediulle ao Concello, pero tamén á Xunta e ao Estado, que fagan os deberes e exerzan as súas competencias a prol do dereito á vivenda. No caso do goberno estatal, é urxente que se poña canto antes a regular os prezos do alugueiro, tal e como demandan os sindicatos de inquilinas, e a combater a proliferación de vivendas baleiras. Lembremos que na Coruña, en 2015, a Marea Atlántica subiulles o IBI, pero non pode aplicarse porque a figura de “vivenda baleira” continúa sen definición legal.
A Xunta ten a obriga aumentar os fondos para á construción de vivenda protexida nos orzamentos, que neste 2021 son un 60% menores do que eran en 2009. Celebramos que activeáa construción de VPO en Xuxán, pero non pode quedarse só nesas 50 vivendas. E debe facer unha aposta seria pola rehabilitación. O único que ten, o programa Rexurbe, é un fracaso. Destinou en 2020 1M de euros para a adquisición de inmobles nos barrios da Pescaría e a Cidade Vella e non executou nin un só euro.
O Concello, desde a proximidade, ten que impulsar tamén as axudas directas á rehabilitación, para que esas vivendas baleiras que non están en bo estado poidan converterse en fogares para quen o precisa. O PSOE fala moito deste asunto, pero o certo é que neste mandato non se aprobaron aínda novas axudas. Acaban de lanzar a primeira convocatoria. As que se dan, son todas herdadas da Marea.
O Concello tamén debe implicarse na promoción de vivendas sociais, na liña que marcan os proxectos para Pontejos e Xuxán, tamén herdados do mandato anterior. Non vimos aínda unha proposta deste goberno. Porque, si, claro que se pode construír vivenda nova. Pero debe facerse con criterios sociais nos polígonos en desenvolvemento. Non hai necesidade de hipotecar o litoral e as zonas con alto impacto ambiental e ecolóxico.