Saltar ao contido

E preciso incorporar o superávit ao Orzamento para aumentar o alcance dos servizos sociais, e estudar rebaixas fiscais para axudar aos fogares empresas que máis o precisan

Reclamamos un esforzo especial para protexer ao persoal municipal, tanto dos despidos como da enfermidade, con  equipos de protección en servizos como a Axuda a Domicilio

A voceira da Marea Atlántica, María García, volveu trasladarlle hoxe, na Xunta de Portavoces, todo o noso apoio ao goberno municipal nas medias que está a tomar para afrontar a crise sanitaria causada polo coronavirus. E insistiu, tamén, na necesidade de empregar as competencia do Concello para poñer en marcha un Plan de Choque Social desde a proximidade, que complemente as axudas xa impulsadas polo goberno central e as que aínda teñen que chegar.

Neste sentido, reiteroulle as 25 propostas que xa adiantamos a semana pasada, e solicitoulle ao voceiro do goberno municipal e concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, que preparase canto antes un modificativo de crédito para incorporar o superávit municipal aos Orzamentos 2020, “para poder así financiar unha ampliación dos servizos sociais, en cartos e en requirimentos, coa que atender a crecente demanda. Prestacións como a Renda Social Municipal, as bolsas comedor, os servizos de comida e lavandería a domicilio e de Axuda no Fogar teñen que chegar a máis persoas ”.

Do mesmo xeito, García lembrou que “cómpre estudar, canto antes, un paquete de rebaixas fiscais para os fogares, traballadores e traballadoras no réxime de autónomos e empresas que o precisen nestes momentos críticos”. Para todo isto, é preciso ter en conta e informar aos grupos da oposición.

Apoio ao Servizo de Axuda a Domicilio

Ademais, a nosa voceira insistiu na necesidade de protexer ao persoal municipal que segue a traballar nestes días, sendo a liña de vida para moitas persoas. Protexelos tanto dos despedimentos, mantendo abertos os contratos municipais e negociando coas concesionarias, como da enfermidade, garantindo que contan con equipos de protección axeitados.

Especial atención merece o Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), que atende nos seus fogares a persoas maiores ou dependentes, nun momento no que resulta tan crucial como arriscado. Aquí, o goberno municipal debe garantir que a prestación non se vexa interrompida, tal e como recomenda a Secretaría de Estado de Dereitos Sociais.

No día de hoxe, solicitamos:

1.-Que se garanta a continuidade na prestación do servizo a todas as persoas usuarias, seguindo as recomendacións contidas no documento técnico da SEDS.

2.-Que se comuniquen e rexistren diariamente as variacións deste servizo, así como das novas necesidades e demandas que poidan xurdir, para reconfigurar a atención e axustala en función das prioridades. Estas variacións deberán notificarse na Xunta de Portavoces, a efectos de transparencia.

3.-Que se aseguren os postos de traballo actuais o SAF. Tratase dun servizo profundamente precarizado e feminizado polo que urxe evitar despedimentos mediante a reorganización do servizo ou mediante a negociación coas concesionarias.

Propostas da Marea Atlántica para un Plan de Choque Social na Coruña

O Concello da Coruña ten que poñer en marcha un Plan de Choque Social de Proximidade