A situación do encoro de Cecebre non é preocupante aínda, pero é aconsellable tomar precaucións tras vivir o mes de xaneiro con menos chuvias en cinco anos
En 2017 foi necesario que os concellos da área metropolitana tomasen medidas de aforro de agua
Os efectos da emerxencia climática fanse notar cada vez máis, enfrontala reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro é unha obriga, non unha opción
A Marea Atlántica solicítalle ao goberno local que comece a preparar un plan de actuación para afrontar o risco de seca, tras a declaración de prealerta por parte da Xunta de Galicia, e tras rematar o mes de xaneiro con menos precipitacións dos últimos cinco anos na Coruña, e en 10 anos no conxunto de Galicia. A situación do encoro de Cecebre, preto do 60%, non é aínda preocupante, pero pode chegar a selo se esta escaseza de choiva se mantén.
Cómpre lembrar que a última vez que tivemos un xaneiro tan seco, en 2017, os concellos da área metropolitana tiveron que aplicar en novembro medidas de aforro no uso público da auga, como o peche das fontes ornamentais, a fin do baldeo de rúas e a redución do rego de parques. E as restricións no consumo empresarial e doméstico estiveron sobre a mesa, aínda que non chegaron a aplicarse.
Por iso, pregámoslle ao goberno municipal que comece a prepararse para unha situación similar, con tempo e planificación, aínda desexando que non sexa necesario tomar medidas para garantir o abastecemento de auga.
Dentro das precaucións necesarias, este ano a Consellería de Medio Ambiente debería poñer esforzo na roza de parcelas nos barrios, áreas semiurbanas e polígonos industriais, xa que a seca aumenta tamén o risco de incendios. No pasado mandato chegaron a triplicarse as notificacións para a sega de parcelas terreos privados, pasando de pouco máis de 300 a máis de 1.000, para xerar conciencia e hábito. Un traballo que debe manterse.
A pegada do quecemento global
Desde a Xunta de Galicia, declarouse a prealerta por seca en 12 dos 19 sistemas da demarcación Galicia.Costa, entre eles os da Coruña, Betanzos, Arteixo e os ríos Mero e Mandeo. Os regos fluviais que abastecen ao encoro de Cecebre están ao 43% do seu caudal, e a choiva en xaneiro foi un 64% menos do habitual.
Estamos a ver os efectos dunha emerxencia climática que cada vez é máis evidente e ante a que hai que tomar medidas. Reducir as emisións de gases con efecto invernadoiro para frear o quentamento global é unha obriga, non unha opción. E iso pasa polo fomento do transporte público, por unha transición controlada cara as enerxías renovables e polo uso responsable de recursos coma a auga.