Saltar ao contido

Silvia Cameán: “A próxima pandemia será a da saúde mental e o goberno municipal debe poñer en marcha medidas, tanto educativas como comunitarias, que permitan abordar esta problemática” 

Tras reunirnos co Movemento Galego da Saúde Mental, apoiamos a súa demanda de crear unha unidade hospitalaria de rehabilitación psicosocial na Coruña


A Marea Atlántica preguntará no vindeiro Pleno polas medidas que desenvolveu ou goberno local para promover a saúde mental, e proporá que se poña en marcha un Plan de Saúde Mental: para afrontar un problema sanitario invisibilizado durante anos, pero que se está a disparar polas consecuencias da pandemia de COVID-19. Farémolo tras  o traslado ao Sergas da Unidade de Saúde Mental Infanti e Xuvenil do no centro cívico de Eirís e a notable falta de iniciativas municipais neste ámbito. 

A concelleira Silvia Cameán sinala que “a próxima pandemia será a da saúde mental, e o ámbito local é un dos mellores marcos o mellor marco para traballar na prevención e apoio fronte aos trastornos psicolóxicos . Por iso, non entendemos que o goberno local non desenvolva ningunha medida e acepte o peche da USMIX de Eirís sen facer nada, nun momento no que se están a incrementar o número de adolescentes con problemáticas asociadas á saúde mental”. 

Por iso, queremos propoñer unha programación educativa nos centros de ensino que achegue a profesorado, alumnado e familias ferramentas para recoñecer e previr trastornos psicolóxicos; así como programas comunitarios a traves dos centros cívicos que constrúan de redes de apoio. É necesario un Plan Municipal de Saúde Mental en colaboración coas entidades do terceiro sector a través do Consello Local de Saúde.

Neste sentido, temos que lembrar que outros concellos, na propia comarca da Coruña, está a traballar neste sentido, amosando empatía co problema da saúde mental e articulando novos servizos para dar resposta desde o eido municipal, en colaboración co Colexio de Psicoloxía de Galicia. Xa propuxemos facelo na Coruña, pero o goberno local non escoitou.

Encontro co Movemento Galego da Saúde Mental

Silvia Cameán reuniuse esta semana con representantes do Movemento Galego da Saúde Mental, que nos trasladaron as súa demandas para que a Xunta de Galicia e todas as administracións se impliquen en reforzar a atención socio-sanitaria neste eido. “A Xunta de Galicia non reforzou o servizo infanto xuvenil na Coruña, como prometera  senón que substituíu ao equipo municipal que se encargaba ate o peche da USMIX de Eirís”.

Os últimos datos amosan que non podemos desatender a saúde mental e que todas as administracións deben facer a súa parte. España é, xunto a Portugal, o estado da UE que máis psicofármacos consume, segundo datos do estudio clínico PsicAP de Psicoloxía en Atención Primaria. Segundo o Ministerio de Sanidade, unha de cada dez persoas padece algún tipo de trastorno psicolóxico. E, nos casos máis graves, pode causar a morte. O INE, nos seus últimos datos, revela que en 2019 se produciron uns dez suicidios de media ao día. 

As condicións laborais precarias, a violencia, a discriminación de xénero, a exclusión social, entres outros, son factores de risco nos trastornos mentais. Por iso é  importante que poñamos en marcha estratexias de promoción e protección de saúde mental 

A Xunta de Galicia debe reforzar servizos

O Concello da Coruña pode e debe facer unha labor de reforzo, pero non esquecemos que as competencias son da Xunta de Galicia, e o goberno galego debe ofrecer unha resposta sería e potenciar servizos que levan anos con recortes. E agora, ante a crecente demanda, a carencia de recursos é cada vez máis evidente. 

Recollemos a demanda do Movemento Galego da Saúde Mental para esixir a creación dunha unidade hospitalaria de rehabilitación psicosocial na Área Sanitaria da Coruña. Nestes momentos, as persoas cun problema de saúde mental que requira un tratamento intensivo e de longa duración, non ten outra alternativa que ingresar no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela. 

Este cambio de entorno dificulta a rehabilitación dos pacientes, ao ter que afastarse do contexto onde transcorre a súa vida normal. Prescinde dos vínculos coa familia, amizades e actividades cotiás, así como a coordinación cos servizos sociais que atenderán a estas persoas cando chegue a súa alta. É, en resumo, un anacronismo propio da atención psiquiátrica do século XIX, que a Xunta de Galicia mantén só para non investir máis recursos na sanidade pública. 

Cómpre un Plan de Saúde Mental no Concello da Coruña, para afrontar un problema invisibilizado e en aumento