Saltar ao contido

Reunímonos  co Movemento Galego pola Saúde Mental para trasladarlles o noso acordo co PSOE para a aprobación dos Orzamentos 2022, no que se reforza a atención psicolóxica a través dos servizos municipais

Silvia Cameán: “A vida non debería doerlle tanto a tantas persoas, por iso cremos que todas as institucións deben ofrecer axuda e coidar da saúde mental”

A Marea Atlántica reuniuse esta semana con representantes do Movemento Galego pola Saúde Mental, para coñecer as súas necesidades e a súa perspectiva da situación actual, e para trasladarlles as medidas que forman parte dos acordos para a a aprobación dos Orzamentos 2022. “A vida non debería doerlle tanto a tantisimas persoas, por iso a saúde mental ten un papel fundamental dentro do noso pacto orzamentario co PSdeG-PSOE”, sinala a concelleira Silvia Cameán. 

Así, está prevista a posta en marcha do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental do Concello da Coruña, a través do Consello Local de Saúde. Crearase un servizo específico de atención psicolóxica a través dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, ao tempo que se incluirán profesionais da psicoloxía nos equipos de atención social, a través dunha oferta de emprego específica. 

Tamén se recuperará a atención na Unidade de Saúde Mental Infantoxuvenil, interrompida o ano pasado, e implantarase unha programación de actividades nos centros cívicos orientada a combater a ansiedade, a angustia, a depresión e outros trastornos psicolóxicos que viron aumentar o seu  impacto tras a pandemia de covid-19. 

“Os problemas de saúde mental cébanse máis con quen menos ten, por iso queremos pedirlle ao goberno local que inicie canto antes estas medidas, comezando polo diálogo coas entidades sociais para a posta en marcha dese primeiro Plan Municipal de Saúde Mental do Concello da Coruña”, resume Silvia Cameán. 

O CHUAC precisa unha unidade de rehabilitación psicosocial

Con todo, non se pode esquecer que as principais competencias sanitarias son da Xunta de Galicia, e que o goberno de Alberto Núñez Feijóo ten completamente esquecida a atención psicolóxica dentro do Sergas. Recollendo as demandas do Movemento Galego pola Saúde Mental, reclamamos que se estableza unha Unidade de Rehabilitación Psicosocial no hospital da Coruña.

Nestes momentos, as persoas cun problema de saúde mental que requira un tratamento intensivo e de longa duración non ten outra alternativa que ingresar no Hospital Psiquiátrico de Conxo, en Santiago de Compostela. 

Este cambio de entorno dificulta a rehabilitación dos pacientes, ao ter que afastarse do contexto onde transcorre a súa vida normal. Prescinde dos vínculos coa familia, amizades e actividades cotiás, así como a coordinación cos servizos sociais que atenderán a estas persoas cando chegue a súa alta. É, en resumo, un anacronis

mo propio da atención psiquiátrica do século XIX, que a Xunta de Galicia mantén só para non investir máis recursos na sanidade pública.

Plan Municipal de Saúde Mental: O Concello non pode demorar a súa posta en marcha