O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía visita o Básquet Coruña e a Agrupación de Montañeros Independientes nunha rolda de encontros co tecido deportivo da cidade
Xan Xove: “Temos que traballar máis preto do deporte de base que dos grandes eventos, e darlle a esta área de goberno a planificación e o traballo que lle faltou neste mandato”
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, comprometeuse a impulsar un plan director de instalacións deportivas, para mellorar o mantemento e estado de conservación dos equipamentos actuais, precario en ambos casos, e atender as necesidades que o potencial do deporte coruñés está a demandar. Xove reuniuse esta mañá co presidente do Básquet Coruña, Roberto Cibeira, e visitou onte o rocódromo de Riazor con Félix Criado e Mariquiña Castiñeira, da Agrupación de Montañeros Independientes (AMI), no marco dunha serie de encontros co tecido deportivo da cidade.
“O noso obxectivo é adaptar a rede de instalacións municipais ás necesidades reais do deporte da Coruña, tanto con reformas e rehabilitacións como coa creación de novos equipamentos”, explica Xan Xove. Así, incrementaranse os fondos destinados a coidar as instalacións, que acumulan deterioro e falta de servizos nos últimos anos, “e neste punto a eficiencia enerxética e a accesibilidade deben ser preocupacións prioritarias”. Farase, ademais, unha previsión do crecemento da cidade con visión metropolitana para planificar a creación de novas instalacións deportivas nos vindeiros anos.
Xestión directa das instalacións deportivas
O candidato á Alcaldía expresou, tamén, “unha aposta decidida e prioritaria pola xestión directa das instalacións, que permite darlle á veciñanza un mellor servizo cun uso máis racional dos cartos públicos, como vimos nos estudos para o polideportivo do Castrillón que Inés Rey preferiu ignorar”. Dentro desta aposta, inclúese negociar coa Xunta de Galicia para incorporar á xestión municipal os equipamentos deportivos que hoxe son de titularidade autonómica —coma os pavillóns de Elviña I, A Sardiñeira e Agra I—.
Finalmente, este plan de instalacións deportivas procurará completar a rede de equipamentos municipais con lugares para practicar actividades físicas e deportivas á marxe da competición regulamentada. Para isto, poden habilitarse equipamentos en polígonos, baixos comerciais sen uso, espazos en recuperación…
“A situación da área de Deportes tras o mandato de Inés Rey é preocupante. O orzamento minguou e non se investiu todo o debido en coidar das instalacións deportivas, que tiveron un mantemento deficiente e acumulan problemas. Máis ben, a prioridade foron grandes eventos con retorno dubidoso na cidade. A partir de maio, cando a Marea volva ao goberno, faremos un esforzo por traballar da man dos clubs e o deporte local”, analizou Xove.
Apoio ao Básquet Coruña no seu camiño á ACB
Na xuntanza de hoxe, Xan Xove trasladoulle a Roberto Cibeira, presidente do Básquet Coruña, todo o apoio da Marea Atlántica e os parabéns pola racha de vitorias que está a acumular o equipo. “Este venres, fronte ao Alimerka Oviedo en Riazor, pode chegar o noveno triunfo consecutivo, un paso máis no camiño cara o ascenso á categoría ACB e un orgullo para toda a cidade”, sinalou o candidato á Alcaldía. Tivo tamén unha mensaxe de ánimo para o Dépor, que loita por regresar á categoría que merece, este domingo no derbi fronte ao Celta B: “Temos por diante unha fin de semana grande no deporte coruñés”.
Lamentablemente, o Pazo dos Deportes de Riazor non está á altura desta traxectoria deportiva. Como moitas outras instalacións deportivas da cidade, tivo un mantemento precario nos últimos anos e acumula problemas coma a falta de calefacción, que foi denunciada tanto polo Básquet Coruña como polo Liceo. Ademais, non reúne os requisitos esixidos para xogar na ACB, cuestión que preocupa ao club e que precisa unha resposta institucional.
O rocódromo, un equipamento impulsado pola Marea Atlántica
A situación do Pazo dos Deportes contrasta coa do rocódromo de Riazor, que vén de ser renovado a finais de 2022 e homologado para poder participar nos circuítos oficiais de competicións. Esta reforma, que marca o modelo a seguir no futuro plan de instalacións deportivas, foi unha iniciativa da Marea Atlántica: “Incorporamos os fondos para o rocódromo xa na negociación dos Orzamentos 2020, e de novo en 2022, xa que o goberno local non foi quen de executala no primeiro ano”, lembrou Xan Xove no encontro con AMI.
A Agrupación de Montañeiros Independentes trasladou a súa satisfacción co estado actual do rocódromo, acorde a un deporte que xa ten arraigo e tradición na cidade, como é a escalada. Un dos retos para o vindeiro mandato é ampliar o apoio á modalidade de montaña.