Saltar ao contido

Concello, Xunta, Estado e Europa teñen que cooperar  e poñer no centro o ben común, non se poden repetir os erros de 2008, que aínda pagamos

Apoiamos a suspensión electoral, reiteramos a nosa plena disposición a colaborar coas medidas do Estado de Alarma, e pedímoslle ao goberno municipal unha comisión permanente para trasladar información

O grupo municipal da Marea Atlántica reitera o seu total apoio e colaboración ás medidas que se están a tomar, dentro do Estado de Alarma, para enfrontar a crise do coronavirus e frear a expansión da pandemia. De igual modo, apoiamos a suspensión electoral anunciada hoxe polo presidente da Xunta. Pero reclama que a iniciativa non quede só no eido sanitario e se expanda tamén ao social, para protexer ás persoas máis vulnerables. Non podemos repetir os erros da Gran Recesión de 2008, que aínda estamos a pagar en forma de desigualdade.

Mañá, martes, o goberno do Estado terá que tomar unha decisión fundamental, se protexer primeiro ás persoas ou ás grandes empresas. Desde á Marea Atlántica queremos reclamar un Plan de Choque Social que poña o ben común no centro. Os resultados do austericidio xa sabemos cales son, por iso agora instamos ao executivo central a pensar primeiro nas persoas.

Tal e como reclaman hoxe diversos colectivos sociais, solicitamos:

  • Garantir o dereito á vivenda e os subministros básicos, suspendendo o pago de alugueiros e hipotecas.
  • Ningún despedimento e Renda Básica para garantir os ingresos de todos os fogares.
  • Que a sanidade privada non reciba compensación económica por cumprir co seu deber de combater a pandemia.

A maiores, esiximos a derrogación da Lei Montoro e as normativas de austeridade que aínda nos atan desde 2008, para que os concellos poidan movilizar os seus propios recursos á hora de afrontar a pandemia.

Mellor información no Concello

Doutra banda, e insistindo na nosa vontade de colaboración, pedímoslle ao goberno municipal da Coruña que mellore a transmisión de información sobre as medidas que se están a adoptar contra o coronavirus, que nestes momentos é escasa.

Solicitamos que a xunta de voceiros se transforme nunha comisión permanente, con facultades eminentemente informativas, para que o executivo local poida trasladar as súas decisións, e para que as representantes da oposición poidan realizar propostas e suxestións. Xa hai varias cidades e municipios que traballan deste xeito.

Apoio ás persoas afectadas e agradecemento ás traballadoras

Queremos trasladarlles, tamén, o noso pésame ás familia e amizades das persoas falecidas, e o noso apoio incondicional a quen está a loitar contra a enfermidade no seu corpo.

Tamén, o noso agradecemento pleno ao persoal sanitario e investigador, que pese aos recortes está a dalo todo para compater a pandemia e coidar da cidadanía, e ás traballadoras e traballadores da alimentación, o transporte, a limpeza, os servizos de emerxencia e outras áreas, que se están a arriscar estes días, moitas veces en situacións precarias, para garantir a liña de vida da nosa sociedade. Simplemente, grazas.

Precisamos un Plan de Choque Social na crise do coronavirus: protexamos ás persoas antes que ás grandes empresas