Reclamamos a posta en marcha urxente medidas coma unha bolsa de alugueiro e axudas de inserción laboral específicas para a mocidade, entre outras políticas públicas
A taxa de paro xuvenil, superior ao 35%, e a idade media de emancipación cóntanse entre as peores de Europa
A Marea Atlántica levará ao Pleno deste xoves, 8 de xullo, unha moción na que reclama a posta en marcha dun Plan de Choque pola Xuventude, unha proposta para coordinar os recursos municipais e “dar resposta ás necesidades de emprego, vivenda, mobilidade, saúde, lecer, participación e acceso á cultura das mozas e mozos de A Coruña”.
Desde o noso grupo propuxemos medidas de inserción laboral e unha bolsa de alugueiro con atención á mocidade, que se integraron no Presco 2021. Pero é necesario ir máis alá e asumir a mocidade coma colectivo prioritario nas políticas públicas.
Reclamamos a creación dun servizo de atención psicolóxica para xente nova, coma os que se están implantando noutros concellos, para coidar os crecentes problemas de saúde mental.
Solicítase, igualmente, a recuperación do programa Educación en Rúa, posto en marcha no pasado mandato, e posta en marcha dun bono cultura destinado á xente moza. Ao tempo, deben aumentarse e descentralizarse oferta de actividades de ocio e de lecer a través de programas coma Nocturnia. Finalmente, esiximos a rápida apertura das Naves de Metrosidero, instalación deseñada coma o primeiro equipamento especificamente xuvenil da cidade.
Paro, precariedade e temporalidade
O texto da moción lembra que en abril de 2021 o paro xuvenil no Estado español acadou unha porcentaxe do 38%, unha das máis altas de toda a UE, con leves melloras estacionais nos meses seguintes. Ademais, a mocidade atura condicións de inseguridade laboral, precariedade de temporalidade moi superiores a outros grupos de idade. Do mesmo xeito, a idade media de emancipación xuvenil, 29,5 anos, é a peor de Europa.
“Sen darlle á xuventude posibilidades para levar adiante a súa vida, sen apoiala e orientala nesta última crise, A Coruña sufrirá as consecuencias de non ser unha cidade para que a xente nova viva, traballe, cree e constrúa o futuro”, di a nosa proposta.