Saltar ao contido

Iago Martínez: “Instamos a reconsiderar o recorte de 700.000 euros no IMCE e a deseñar, entre outras cousas, un Festival Noroeste alternativo, centrado en artistas e salas locais” 

Facemos achegas ao primeiro paquete de medidas fronte á crise da COVID19, para evitar a fraude e garantir que chegan a quen máis as precisa, e urximos ao goberno a activalas canto antes, 99 días despois de declararse o estado de alarma

A Marea Atlántica téndelle a man ao goberno municipal para ampliar as axudas fronte á crise da COVID19 cun plan de choque específico para o sector cultural. Iago Martínez, o noso vicevoceiro e representante na Comisión de Facenda e mais no IMCE, instou ao executivo local “a reconsiderar o recorte de 700.000 euros previsto en políticas culturais, co aplauso do PP e concelleira de Ciudadanos, e apoiar un sector moi golpeado polos efectos da pandemia e o confinamento. En lugar de recortar, fagamos da Coruña un porto refuxio para a cultura”.

A Comisión de Facenda debateu hoxe as bases das primeiras axudas, centradas en dar apoio a pemes, micropemes e autónomos. Desde a Marea Atlántica continuamos a facer achegas construtivas para melloralas, suxerencias que o goberno municipal se comprometeu a estudar:

  • Sempre que sexa posible, permitir que as axudas a pemes, micropemes e autónomos cubran gastos realizados dende a declaración do estado de alarma en marzo, e non desde xullo como propón o goberno municipal na súa proposta de bases.
  • Esixir un mínimo de antigüidade nas empresas que opten a certas axudas, para evitar a fraude.
  • Sumar ás persoas paradas de longa duración aos colectivos vulnerables que contan con vantaxes nas axudas á contratación.
  • Abrir estas liñas de axudas tamén a proxectos de economía social, non só a empresas tradicionais.

“Coma sempre, ofrecemos diálogo e propostas para o ben común. Agora volvemos pedirlle ao goberno que acelere a tramitación ao máximo, porque a pesar do que se anuncia, aínda non é posible solicitar estas axudas e van 99 días desde que se declarou o estado de alarma”, engade Martínez.

Por un plan de choque para a cultura

Tras esta primeira fase de medidas, é o momento de abrir novas vías de axuda desde a administración local, e a cultura debe ter un especial protagonismo, porque non só é creación, tamén é un sector económico que dá traballo a milleiros de persoas. O último informe do Consello da Cultura Galega retrata unha situación preocupante: un milleiro de empregos perdidos desde marzo,  4.000 máis en ERTE, e unha caída do 6,3% nas afiliacións á Seguridade Social, máis que en ningún outro sector.

Malia á insistencia da Marea Atlántica durante as negociacións, este primeiro paquete de medidas só inclúe un Bono Cultural aínda por definir, pero non compensa en absoluto a perda de fondos do IMCE, 700.000 euros, que se suma a outros recortes no eido cultural.

“Deixar a recuperación do sector cultural para o outono é un erro gravísimo, porque o dano será cada vez maior e moitas empresas non chegarán, e porque non sabemos se daquela haberá un novo rebrote. Hai que actuar xa, con solucións urxentes e estendidas no tempo”, argumentou Iago Martínez. O concelleiro tamén tendeu a man para deseñar liñas de axuda e colaboración co sector, escoitando as súas necesidades reais.

A música ao vivo ten especiais dificultades para recuperarse, cos límites para reabrir salas e volver programar, e coa práctica desaparición das festas de verán, unha época na que se concentra boa parte da actividade e os contratos. Por iso, Iago Martínez pediulle ao PSOE que reconsidere a súa postura, se abra a non consumar o recorte no IMCE e escoite aos colectivos profesionais. A curto prazo pode comezar a deseñar xa unha edición alternativa do Festival Noroeste, máis estendida no tempo e centrada en artistas da cidade e salas de concertos locais, apoiando á música coruñesa con todas as medidas de seguridade necesarias.

Tamén, como xa adiantamos a semana pasada, sería axeitado cubrir os gastos das librarías locais que queiran participar na Feira do Libro de agosto. E clarificar a situación do concurso de compra de libros para a rede de bibliotecas municipais, que se fixo de costas ao sector e está parado, pero non resolto, dende mediados de maio.

Escoitamos ao sector cultural nunha intensa rolda de contactos

Nos últimos días, a Marea Atlántica está a manter un intenso diálogo co sector, celebrando xuntanzas cos colectivos Clubtura (que agrupa a salas de concertos), Músicos ao Vivo e a Asociación de Libreiros e Libreiras da Coruña, nunha rolda de contactos que segue en marcha. “É moi importante que o concelleiro de Cultura faga tamén este labor, que escoite e traballe man a man co tecido as súas políticas”, explica Martínez.

Se o equipo de Inés Rey partía xa dunha artificial división entre Cultura e Festas, a baixa da concelleira Diana Cabanas deixou esta última área en mans de Deportes, unha decisión torpe e ineficiente que agrava as dificultades de interlocución. “En contraste, celebramos o esforzo de unidade e coordinación que están a facer os colectivos culturais, impulsando plataformas comúns para facerse escoitar e trasladarlle as súas demandas ás institucións”, sinalou Iago Martínez.

Proba de que o goberno da Coruña ten o teléfono avariado é a convocatoria de axudas coa que incumpriron o acordo orzamentario asinado coa Marea Atlántica en xaneiro. En lugar de manter as convocatorias de subvencións Xerminal e Cultura de Barrio, lanzaron unha liña de contratacións directas que non cumpre coas expectativas dos profesionais. “É un erro producido pola falta de interlocución, co sector e coa Marea Atlántica, e agardamos que non se repita á hora de darlle forma ao Bono Cultural”, concluíu o noso vicevoceiro.

A Marea Atlántica téndelle a man ao goberno municipal para impulsar un plan de choque específico para o sector cultural