María García: “Anunciar a 1 de outubro, cando aínda quedan 3 meses para acabar o ano, que se prorrogan as contas municipais é irresponsable nun momento de crise, desleal co bloque progresista que apoiou a investidura de Inés Rey, e contrario á normativa de facendas locais”
María García, como voceira do grupo municipal a Marea Atlántica, vén de rexistrar un escrito no Concello no que lle recorda á Inés Rey as súa obrigas e convídaa a “rectificar e a propoñer un proxecto de Orzamentos para 2021”. A nosa portavoz denuncia que “a decisión de prorrogar os Orzamentos 2020, anunciada unilateralmente e por sorpresa no medio do Pleno, é irresponsable no medio da crise que está a comezar, é desleal cos grupos progresistas que levamos quince meses garantindo a gobernabilidade no Concello, e vai contra as obrigas da alcaldesa fixadas na normativa que regula as facendas locais”.
“Para enfrontar a situación de pandemia, a cidade da Coruña precisa uns orzamentos progresistas, co acento posto no rescate social, na protección do emprego e na garantía dos dereitos fundamentais. Pero o goberno do PSOE rexeita sen facer sequera o mínimo intento de negociación”, en palabras de María García.
Ademais, no escrito presentado hoxe lémbrase que a rexedora ten o deber de elaborar un proxecto anual de orzamentos, como recollen os artigos 5, 7 e 18 do Real Decreto 500/1990 que desenvolve o capítulo primeiro do título sexto da Lei 39/1988 reguladora das Facendas Locais. E esta obriga é inalterable, e non se ve afectada pola decisión do estado sobre a regra de gasto e os remanentes municipais.
“Unha cousa é presentar as contas con atraso, e outra o apriorismo de renunciar a facelo o día 1 de outubro, a tres meses de que acabe o ano, incumprindo expresamente unha obriga legal e sen ter unha soa conversa cos grupos da oposición”, argumenta María García. A nosa voceira lémbralle tamén ao goberno municipal o absurdo de aplicar as contas deseñadas a comezos de 2020 en 2021, co impacto da pandemia e cunha crise da que aínda non estamos a ver o peor: “En lugar de deseñar un orzamento para facerlle fronte á situación, a alcaldesa renuncia a gobernar. É unha estafa democrática, outra máis”.