Saltar ao contido
Pista aterrizaxe alvedro

Alberto Lema: “Estes resultados son un fracaso e un mal uso dos cartos públicos. Non ten sentido subvencionar rutas turísticas e conexións secundarias como Gatwick e Orly”

A Marea Atlántica lamentou hoxe que o concurso aberto desde o Consorcio de Turismo para atraer novas liñas a Alvedro remate sen cumprir os seus obxectivos e perdendo definitivamente a conexión con Heathrow. Así, en lugar do aeroporto internacional de referencia en Europa, ofrécese aeródromo de Gatwick, a 45 quilómetros de Londres e cun número de conexións moito menor, ao igual de Orly, o aeroporto secundario de París. 

Polo demais, quedan desertas as rutas a Amsterdam, Munich e Fráncfort, e só se engade Gran Canaria, un destino que antes se operaba sen necesidade de subvención.

Alberto Lema, representante da Marea Atlántica no Consorcio de Turismo, lamenta que se ignore a vertente dos voos de negocios, a máis interesante para Alvedro, e se subvencionen aeródromos secundarios e destinos vacacionais. “Estes resultados son un fracaso e un mal uso para os cartos públicos. Non está á altura das necesidades do aeroporto coruñés, como avisamos”. 

Resulta especialmente dolorosa a perda de Heathrow, que convertía a Alvedro nunha referencia antes da pandemia, e que era unha ruta empregada por empresas de toda Galicia con proxección internacional, algo que Gatwick non poderá imitar. Alberto Lema engade, ademais, que“sa houbo un enlace con París-Charles de Gaulle desde Alvedro, pero tivo que retirarse pola falta de resposta. Estanse a repetir erros”.

Lamentamos que o concurso de liñas para Alvedro non conseguise os seus obxectivos e perda definitivamente a conexión con Heathrow