Saltar ao contido

A Mesa da Cidade Vella só se reuniu en dúas ocasións este mandato, e as iniciativas de rehabilitación de vivendas, impulso ao comercio de proximidade e actividades no espazo público levan todo o mandato gardadas nun caixón 

Xan Xove: “A Cidade Vella é peonil desde hai case cinco anos, pero no mandato de Inés Rey non houbo un só avance para darlle nova vida o barrio; teremos que afrontalo a partir do 28 de maio”

Xan Xove, cabeza de lista da Marea Atlántica y candidato á Alcaldía da Coruña, comprometeuse a rematar o plan de peonalización da Cidade Vella, tras un mandato con escasísimos avances. Tras realizar un percorrido polo barrio, da man da asociación veciñal, no que tamén participaron a número 4 da candidatura, a arquitecta Chiqui García, e a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, Xove lembrou que “en xuño de 2018, Xulio Ferreiro rematou coa vergonza de ter na Coruña o único casco histórico que seguía aberto ao tráfico. A Cidade Vella xa é peonil, pero Inés Rey nunca chegou a completar as medidas previstas para darlle nova vida ao barrio no que naceu a cidade da Coruña. Teremos que facelo nós, a partir do 28 de maio”.

Nesta folla de ruta inclúese un reforzo das axudas para a rehabilitación de edificios e vivendas, favorecendo que poidan seguir habitadas polas familias do barrio e contendo a xentrificación. Co mesmo obxectivo, regularemos os pisos turísticos, que están a proliferar sen control.

O plan inclúe o impulso ao comercio de proximidade, o desenvolvemento do proceso de peonalización nas rúas nas que aínda non se completou, e un plan de actividades para revitalizar o espazo público gañado coa retirada dos coches. Por iso, o candidato tamén propón desenvolver unha programación cultural específica que poña en valor tanto as festas propias do barrio, coma as do Rosario, xunto con aquelas que se celebran en toda A Coruña, coma o San Xoán, o Nadal e o Entroido.

Como explica Xan Xove: “Todas estas medidas estaban previstas polo goberno de Xulio Ferreiro, pero Inés Rey gardounas nun caixón co traspaso de poderes. Comprométome a poñelas en marcha, sempre da man da veciñanza, e recuperando a Mesa da Cidade Vella, que neste mandato só se reuniu en dúas ocasións, a última en xullo de 2020. A veciñanza non soubo nada máis desde aquela”. 

A participación debe terse moi en conta na posta en marcha do equipamento municipal que se instalará na Casa da Veduría, cuxos usos nos comprometemos a deseñar da man da veciñanza. De igual modo, Xan Xove propuxo crear o Proxecto Eirón, un parque infantil instalado nun espazo singular sobre as murallas  da Cidade Vella, que foi deseñado nun proceso participativo con nenos e nenas, vencellado á Fundación Luis Seoane.

Protección da Maestranza

O cabeza de lista da Marea Atlántica tamén se comprometeu a facer unha modificación puntual do Pepri (Plan Especial de Protección e Rehabilitación Integral) da Cidade Vella para protexer o espazo público e o patrimonio arqueolóxico na Maestranza, nun dos últimos espazos abertos do barrio. Dúas das tres parcelas que eran propiedade do Ministerio de Defensa foron xa vendidas, pero o seu desenvolvemento debe respectar os restos da antiga muralla da cidade e a contorna da Cidade Vella, tal e como figura nas alegacións que presentamos ao estudo de detalle do proxecto en dúas ocasións, nos anos 2021 e 2022.

O candidato defendeu, tamén, a necesidade de poñer en valor todo o conxunto da Cidade Vella como elemento patrimonial, incluido o pavimento. Nos últimos anos estase a detectar falta de coidado nas obras de instalacións técnicas por parte de empresas privadas que, segundo denuncia a asociación veciñal, volven colocar as lousas graníticas unidas con cemento, sen respecto pola contorna.

Desde o goberno municipal, melloraremos a supervisión e a sanción a quen non cumpra as normas de conservación do patrimonio. Debe terse moi en conta cando se complete a necesaria instalación de fibra óptica e gas natural en todas as rúas do barrio, para que a mellora de servizos non supoña o deterioro do enlousado.

Xan Xove promete completar a peonalización da Cidade Vella iniciada por Xulio Ferreiro con medidas de dinamización que levan catro anos ausentes