A Marea Atlántica denuncia o cambio de criterio do Goberno de Feijóo, que hai tres anos entendía que o impacto da nova urbanización de Labañou merecía unha avaliación ambiental completa
Iago Martínez: “É unha decisión inxusta, difícil de explicar e contraria ao sentido común do século XXI. Precisamos cidades á medida das persoas, non dos intereses inmobiliarios”
O vicevoceiro do grupo municipal da Marea Atlántica e integrante da Comisión de Urbanismo, Iago Martínez, lamentou “que a Xunta de Galicia se alinee cos intereses inmobiliarios e renuncie a protexer o bordo litoral da Coruña”, tras coñecer pola prensa que o goberno galego está a tramitar o pelotazo urbanístico de Percebeiras cunha declaración ambiental simplificada e moi preto de darlle luz verde. “É unha moi mala nova para o dereito á cidade na Coruña. Unha decisión inxusta, moi difícil de explicar por parte de Feijóo e que atenta contra o sentido común do século XXI”, engade o concelleiro.
“Feijóo terá que explicar por que ante o proxecto presentado polos promotores en 2017 a Administración pensaba que debía someterse a unha avaliación ambiental completa e en profundidade, e hoxe, tres anos despois, co mesmo impacto na paisaxe, o medio ambiente e as vivendas xa edificadas na avenida de Labañou, pensa que pode resolver a cuestión pola vía rápida”, reflexionou Martínez. “É un grave erro poñer o ladrillo por diante de todo. Precisamos cidades á medida das persoas, non dos intereses inmobiliarios”.
Alegacións ignoradas
A nova chega, ademais, cando aínda non temos notificación oficial sobre as alegacións que presentou a Marea Atlántica, nin das que presentou a Asociación Veciñal de Labañou, que apoiamos xunto a outras 50 entidades. É inadmisible.
Finalmente, Iago Martínez argumentou que “nun momento no que a sociedade demanda protexer o dereito á vivenda, mobilizando as que se atopan baleiras, rehabilitando as que están deterioradas e freando o prezo dos alugueiros, a resposta do goberno municipal de Inés Rey, coa complicidade da Xunta, é volver apostar pola economía do ladrillo. Cando se piden políticas contra o cambio climático, a resposta é máis cemento ao pé do mar. Cando se pide diálogo e participación veciñal, a resposta é ignorar toda protesta e avanzar en despachos a porta pechada. Este non é o camiño”.