Saltar ao contido
pazo municipal deportes riazor

Por mor dun concerto organizado por unha empresa, foi preciso desprazar a actividade deportiva desta semana e deixou de dárselle servizo á veciñanza e os clubs

No Pleno, preguntaremos tamén pola situación dos mercados tras o repentino cese do seu responsable, e pola política turística do goberno local

A Marea Atlántica vén de rexistrar unha pregunta de resposta escrita para coñecer os motivos do peche do Pazo Municipal dos Deportes durante catro días para preparar un evento privado que se celebra hoxe e que nada ten que ver coa práctica deportiva. Deste xeito, pedirémoslles explicacións ao goberno local por deixar ás persoas e clubes usuarios das instalacións sen servizo e sen unha alternativa. 

Así, este 6 de abril terá lugar un concerto privado de Jamie Cullum, organizado por Inditex e ao que só pode acceder o persoal convidado pola empresa, e que requiriu pechar o Pazo dos Deportes e o seu aparcamento durante varios días.  Por este motivo, entre outros problemas, houbo que desprazar ao pavillón de Elviña II, cun aforo moito máis modesto, a celebración da Liga Nacional de Elite de Hockey en Liña, con 13 equipos chegados de todo o Estado español. Mesmo o Liceo HC terá que xogar hoxe o seu partido da OK Liga no pavillón da Agra, cuxas 150 localidades non chegan para acoller a todas as persoas socias do club. 

Habendo na cidade espazos perfectamente adaptados á celebración de concertos e sen actividade no día de hoxe, coma o Coliseum ou o Pazo da Ópera, non se entende por que foi o Pazo dos Deportes o escenario escollido para unha actividade extradeportiva.

Incerteza nos mercados municipais

Doutra banda, a Marea Atlántica empregará a quenda de preguntas orais do Pleno de mañá, 7 de abril, para indagar a situación na que quedan os mercados municipais tras o cese repentino do seu xefe de sección, Rubén Boullón, que desenvolveu o seu traballo con eficacia e con gobernos de diferentes cores políticas. A súa marcha xera incerteza sobre o futuro, e evidencia a falta de avances nalgúns proxectos de reforma coma os de Monte Alto, Durmideiras ou Santa Lucía, moitas veces anunciados pero que aínda non comezaron. 

Finalmente, preguntarémoslle ao goberno local pola súa política turística, que semella ancorada nun modelo do século pasado e falta de coherencia. Facémolo tras coñecer o proxecto de converter o Centro de Ocio do porto nun espazo de servizos ao turismo de cruceiros, por sorpresa e sen ningún tipo de debate previo. 

Pedimos explicacións sobre o peche do Pazo Municipal dos Deportes para un evento privado