Reclamámoslle á Xunta de Galicia que retire o plan de axudas para abrir caixeiros, que premia a Abanca por deixar sen servizo directo a moitos concellos
Só na provincia da Coruña xa hai 10 municipios que carecen de sucursais bancarias, illando ás persoas que non poden empregar ferramentas dixitais
A Marea Atlántica rexistrou unha moción cara o vindeiro Pleno da Deputación Provincial da Coruña, na que reclama que se poña fin ao peche de oficinas bancarias no rural galego, especialmente no caso de Abanca, apoia ás mobilizacións veciñais, e pide á Xunta que retire o programa de axudas para a instalación de caixeiros que premia con ata 2,8 millóns de euros públicos a eliminación de servizos en moitos concellos. “Abanca está a contribuír á desertización do rural, coa complicidade de Feijóo”, sinala o noso voceiro provincial, Alberto Lema.
No mes de setembro está a acelerarse o peche de sucursais de Abanca, a entidade con maior presenza no territorio galego, afectando municipios como Zas, Fene, Cerdido, A Baña ou Vimianzo. Non é un feito puntual: as oficinas bancarias en Galicia reducíronse á metade desde 2008, e só na provincia da Coruña hai 10 concellos que non contan con ningunha. Esta carencia impide que as persoas maiores ou sen recursos para o acceso ao internet queden sen información sobre as súas contas. Quen está ao outro lado da fenda dixital queda sen saber o que pasa cos seus cartos.
Ata 2,8 millóns poñer caixeiros en vez de oficinas
Como sinala Alberto Lema, “a situación é inxusta e alarmante, pois a entidade que agora está a abandonas as vilas, Abanca, nace da venda a prezo de saldo das antigas caixas de aforros, previamente rescatadas con cartos públicos nun proceso opaco, no que perdemos máis de 9.000 millóns de euros”.
Non é por falta de recursos, desde logo. Abanca gañou 137,4 millóns de euros no primeiro trimestre de 2021, un 8,2% máis que no mesmo período de 2020. “Non pode xustificarse que a entidade siga a pechar oficinas indiscriminadamente, con enormes consecuencias para a calidade de vida da poboación lonxe das zonas urbanas”, conclúe o noso voceiro provincial.