O Estado anunciou o comezo das obras en setembro de 2021, pero non se percibe progreso na construción. No vindeiro Pleno, pedirémoslle información ao goberno local
A pasarela de Pedralonga, reclamada durante décadas pola veciñanza, é unha mellora moi necesaria para permitir o cruce seguro pola avenida da Vedra
A Marea Atlántica reclama información ante a aparente falta de avances nas obras da pasarela de Pedralonga medio ano despois da data anunciada para o seu inicio. En setembro de 2021, coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, anunciuose a colocación da primeira pedra nun acto institucional, cun prazo de execución de 26 meses. Pero seis meses despois, non se percibe progreso na construción máis aló desa primeira pedra. No vindeiro Pleno, pedirémoslle ao goberno local máis datos sobre os motivos deste atraso.
O paso seguro para unir Palavea e Santa Xema con Pedralonga e Eirís é unha demanda veciñal que leva décadas pendente, e que resulta fundamental para evitar os atropelos que periodicamente se producen por culpa dos cruces irregulares da avenida da Vedra á altura do Alcampo.
Agora, por fin, a obra está licitada, pero os traballos para construíla non avanzan sen que haxa ningunha explicación ao respecto nin por parte do Ministerio de Fomento, responsable da infraestrutura, nin por parte do Concello da Coruña, que tamén participou no anuncio.
Cómpre lembrar, tamén, que as obras de humanización do conxunto de Alfonso Molina, comprometidas en 2016 polo Ministerio de Fomento, seguen sen executarse. O proxecto, deseñado de acordo co goberno da Marea Atlántica, é necesario para que esta avenida deixe de ser unha autoestrada polo medio da cidade e para unir os barrios que agora están separados por ela.