María García: “Dámoslle a benvida á alcaldesa ás políticas participativas, pero teñen que ser algo máis ca propaganda.
A Coruña enfróntase á maior transformación urbana do último século coa recuperación do porto, e as decisións non poden tomarse en despachos coa porta pechada”
Celebramos que se faga público o estudo da UdC sobre os peiraos interiores, tal e como solicitou esta mañá a Marea Atlántica por rexistro. Tamén pedimos que se publique o informe encargado por EMVSA sobre a situación da vivenda
A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión do Bordo Litoral no Concello, María García, celebrou hoxe que Inés Rey recoñeza a participación cidadá como unha necesidade: “Dámoslle a benvida á alcaldesa ás políticas participativas, pero pedímoslle que sexan algo máis que propaganda. Participar non é encher un formulario web”.
Tamén celebramos que faga público o informe da Universidade da Coruña sobre a futura ordenación dos peiraos interiores, tal e como solicitou a Marea Atlántica esta mañá por rexistro. Segundo María García, “non se pode secuestrar o debate sobre o que se pretende facer no porto cando a actividade se traslade a Punta Langosteira. A cidade enfróntase á maior transformación urbana do último século, e as decisións non poden tomarse en despachos a porta pechada”.
O noso grupo reclamou, ademais, que se faga público outro documento que se mantén oculto: o informe encargado por EMVSA sobre a situación da vivenda na Coruña. María García sinala que “ambos son documentos que se están a utilizar para xustificar políticas públicas moi sensibles, e que a veciñanza só coñece, por agora, a través de filtracións á prensa”.
No pasado mandato, iniciativas como Tecendo Litoral procuraron facer partícipe a toda a veciñanza do futuro que lle agarda á fachada portuaria da Coruña. Ese é o camiño que debería imitarse, nun proceso amplo, aberto e transparente. En palabras de María García, “desde a Marea Atlántica mantivemos en todo momento o mesmo discurso sobre o futuro dos peiraos: uso e titularidade pública, cero especulación urbanística condonación da débeda, conexión ferroviaria a Punta Langosteira e participación cidadá. Outros mudan de parecer segundo o posto que ocupan. Mágoa que só sexa o discurso, porque vemos que os intereses son os mesmos”.
Encontro co presidente da Autoridade Portuaria
O noso grupo verase con el este xoves co presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado e pedirémoslle que non se esqueza de reclamar a condonación da débeda que ata ao porto da Coruña. Utilizar a transformación portuaria para a obtención de plusvalías urbanísticas, non pode ser unha solución. Reclamamos a titularidade pública dos terreos e o reforzo dos usos produtivos que xa existen. A Marea Atlántica logrou un amplo consenso sobre estas cuestións no pasado mandato, e hoxe seguimos a reivindicar o mesmo: que gañemos o porto para o común.
A proposta de abrir os peiraos interiores a cidadanía, se chega a cumprirse segundo o anunciado, será positiva para a cidade, e recollerá os consensos construídos durante o goberno de Xulio Ferreiro. “En moitas ocasións temos reclamado que se abra o valado do porto, e ata o de agora sempre se dixera que era algo imposible. O tempo demostrou que só era cuestión de vontade política”, sinala María García.
O proxecto gañador do concurso de ideas de Tecendo Litoral, Porsuporto, tamén deseñaba unha apertura progresiva dos peiraos de Batería, San Diego e Calvo Sotelo para o acceso da veciñanza, entre outros usos para o espazo público.
Porén, ese xesto simbólico non pode servir como coartada para secuestrar o debate sobre o que se pretende facer nos peiraos de San Diego nin sobre a situación financeira da Autoridade Portuaria, afectada por unha débeda de máis de 300 millóns xurdidos das obras do Porto Exterior, nos que o Estado é o principal acredor. Sen despexar esta débeda (e sen conexión ferroviaria a Punta Langosteira), non será posible recuperar os peiraos interiores para a cidadanía. É necesario reclamar unha condonación como a que se produce en Valencia, en lugar de vender terreos para facer vivendas.