Cidadás da Unión Europea e de diversos países con acordos internacionais poden votar nas municipais aínda que non teñan nacionalidade española, se están no padrón e solicitan o sufraxio
En https://mareatlantica.org/comovotar/ pódense ver todos os pasos necesarios para exercer o dereito ao sufraxio o vindeiro 28 de maio
A Marea Atlántica puxo en marcha esta semana unha campaña para favorecer a participación das persoas migrantes nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, con información e recursos para facilitar que exerzan o seu dereito ao voto. Baixo o lema, “Se vives na Coruña, vota na Coruña”, lembramos que as cidadás da Unión Europea e de diversos países con tratados internacionais poden participar nas municipais aínda que non teñan a nacionalidade española, se están no padrón e cumpren unha serie de requirimentos para solicitalo.
Como sinala o candidato da Marea Atlántica á alcaldía, Xan Xove “se vives na Coruña, non importa onde naciches, importa que A Coruña é agora a túa cidade e podes votar para decidir o seu futuro”. Así, quen teña pasaporte de Bolivia, Cabo Verde, Chile, Colombia, Corea do Sur, Ecuador, Islandia, Noruega, Nova Zelandia, Paraguai, Perú, Reino Unido e Trinidad e Tobago, ou de calquera país da Unión Europea, pode participar nas eleccións municipais grazas aos tratados internacionais de voto con España.
O proceso para solicitar o dereito ao sufraxio pode consultarse, paso a paso, nun novo espazo na nosa web: https://mareatlantica.org/comovotar/. No caso dos estados da UE, abonda con inscribirse no padrón municipal e no censo electoral antes do 30 de xaneiro. Nos demais países con tratado de voto, o procedemento é semellante, pero pode requirir dalgún paso adicional.
Desde a Marea Atlántica, traballamos para facer bo o lema de que na Coruña ninguén é forasteiro. Se vives aquí, vota aquí e suma a túa voz para decidir o futuro da túa cidade.