María García: “Trataremos co goberno local a necesidade de impulsar o Parque Cidade e a restauración do río Monelos: non só mellora zonas con déficit de investimento, senón que beneficia a toda A Coruña”
O luns 25 de outubro a Universidade da Coruña organiza unha xornada sobre a restauración de ríos urbanos desde a iniciativa cidadá, na que Parque Cidade terá papel protagonista
A Marea Atlántica trasládalle o seu apoio á iniciativa de crear o Parque Cidade, un gran pulmón verde no barrio do Martinete, ideado e impulsado por un grupo de veciñas da contorna co apoio da Universidade. A proposta pasa por restaurar o río e converter o que agora é un descampado nunha gran área verde.
Esta zona e un dos escasos tramos do río Monelos que aínda discorren pola superficie, despois de décadas de obras de canalización e soterramento das canles fluviais da Coruña. O proxecto permitiría respirar a unha área da Coruña moi necesitada de investimentos públicos, con graves problemas de accesibilidade e mobilidade a pé. E serviría tamén para afrontar o déficit de espazos naturais que arrastra a cidade, e que foi recentemente sinalado nun estudo internacional.
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, afirma que que “o Parque Cidade é unha idea excelente que o goberno local debería poñer en práctica dentro da Estratexia de Infraestrutura Verde que ten gardada nun caixón desde hai dous anos e medio. Precisamente agora a Union Europea habilita fondos Next Generation para este tipo de iniciativas, para que as cidades se preparen para o reto da emerxencia climática, e na Coruña hai moito traballo que facer neste sentido”. Na Marea Atlántica faremos valer este proxecto nas negociacións que estamos a manter co PSOE, para un modelo de cidade máis amable coa natureza, máis beneficioso para a saúde da veciñanza e máis comprometido na defensa do planeta..
Así, este parque podería servir de conexión entre barrios coma o Martinete, Feáns, Pocomaco, Someso, Elviña e Vío”. Ademais, daría continuidade a proxectos coma a recuperación do río de Quintas, en Palavea, e do río Feáns, deseñados pola Marea Atlántica, que xa contan con todos os permisos e esquecidos polo goberno de Inés Rey, a pesar de que se comprometeu a executalos.
Xornada divulgativa na Universidade da Coruña
O proxecto do Parque Cidade terá un protagonismo destacado este luns, 25 de outubro, na xornada divulgativa sobre A implicación cidadá na restauración de ríos urbanos, organizada polo Departamento de Enxeñaría Civil da Escola de Camiños da Universidade da Coruña.
O acceso é de balde, previa inscrición, e contará unha quenda de mañá de conferencias por vía telemática, e cunha visita presencial ao curso do río Monelos durante a tarde. Amosará, entre outras cousas, a importancia que os espazos fluviais teñen no desenvolvemento de cidades saudables, e presentará experiencias de éxito noutras cidades.
O goberno de Ines Rey acumula déficit en políticas ambientais
Porén, se os proxectos de naturalización dos ríos na Coruña levan todo o mandato abandonados, pese a contar con fondos europeos, o mesmo sucede cos Bosques da Coruña en Feáns e nos Rosales, que non rematan de executarse malia contar con fondos, e coa ampliación das hortas urbanas en Monte Alto e Palavea. A Coruña é unha das cidades de Europa con peor acceso ás zonas verdes, contra o que recomenda a OMS, e desde o Concello hai que actuar para corrixilo.
O desinterese nas zonas verdes, sobre todo o daquelas que non están nos Cantóns, faise evidente cando se desaproveitaron os 6,6 millóns de euros que o contrato de parques e xardíns incluía nos dous últimos anos para melloras e reformas. O goberno segue a ser incapaz de explicar como e onde os investiu, se é que o fixo.
As zonas verdes proporcionan saúde. Xa son numerosos os estudos médicos que confirman que ter parques, bosques ou xardíns reduce o risco de sufrir doenzas psiquiátricas ou cardiovasculares e aumenta a esperanza de vida da poboación. A vexetación tamén fixa CO2 para evitar o efecto invernadoiro, mellora a calidade do aire e reduce o ruído. Por iso insistimos nunha Coruña máis verde.