Instamos a alcaldesa a reaccionar urxentemente á saída de Culleredo do Consorcio das Mariñas e a facer as xestións necesarias para garantir a cooperación metropolitana en materia de xestión de residuos e o futuro de Nostián

Os problemas na planta de Nostián aumentan cada día, sen contrato nin mantemento. O goberno pretende ocultalo e denega a visita solicitada por toda a oposición

Practicamente todos os acordos coa Marea Atlántica en materia ambiental están incumpridos: nin operador enerxético municipal, nin os espazos verdes, nin interese pola materia

A Marea Atlántica denunciou hoxe, tras a Comisión Informativa de Medio Ambiente, que Inés Rey pretenda tapar a súa total falta de políticas ambientais cun “paripé pintado de verde” como o Pacto por unha Cidade Verde que levará ao próximo Pleno: unha mera declaración de intencións, sen compromisos concretos, sen medidas reais e sen nada que ofrecer fronte á crise climática na que se atopa todo o planeta. Se non se trata dun pelotazo urbanístico, non urxe nin está na axenda da alcaldesa.

Así, mentres este goberno municipal pensa en montar unha campaña de propaganda, a Área de Medio Ambiente está en retroceso permanente, cun desinterese total polo seu traballo. E os problemas da planta de Nostián seguen a medrar cada día, sen novo contrato, sen mantemento e agora coa incerteza que provoca a saída de Culleredo do Consorcio das Mariñas, sen que o executivo local dese un só paso para tratar de impedilo. 

Desde a Marea Atlántica, instamos á alcaldesa a reaccionar con urxencia ao anuncio da marcha de Culleredo, empregando os recursos que sexan necesarios para garantir a cooperación metropolitana en materia de xestión de residuos e o futuro de Nostián. A concelleira de Medio Ambiente recoñeceu hoxe que non houbo aínda interlocución, e só ofreceu explicacións vagas e insuficientes. Trátase dun asunto crucial, pero Inés Rey tampouco parece telo nin na súa axenda nin entre as súas prioridades. 

O executivo local parece ter máis interese en ocultar a situación que en poñerlle remedio. Hoxe foi denegada a visita á planta que todos os grupos da oposición solicitamos o pasado 20 de abril, impedindo que representantes públicos accedan a unhas instalacións municipais. Confírmase o retroceso democrático desde que goberna o PSOE. O goberno local ampárase nas restricións derivadas da COVID19, pero é evidente que iso ten solución. Trátase dunha visita puntual da Corporación e os motivos son abondos: a planta de Nostián nunca estivo, na súa historia, nunha situación tan grave como a actual.

Nostián acumula problemas desde 2019

Planta de Nostián

Planta de tratamento de residuos en Nostián

Inés Rey chegou á alcaldía cos pregos para renovar o contrato de Nostián xa practicamente listos, só tiña que abrir a licitación. En lugar diso deixouna caducar, fixo unha intervención dun ano que só serviu para que a empresa Albada cobrase máis e chega a 2021 anunciando que vai redactar uns novos pregos e que para iso pretende contratar a unha consultora. Mentres, o cadro de persoal ve empeorar as suas condicións laborais, e a planta se deteriora sen que ninguén invista en reformas e obras de mantemento. 

Non hai prazos para a nova licitación, nin resposta ten para a marcha de Culleredo do Consorcio. O modelo de Nostián é un modelo metropolitano, e depende do apoio do Consorcio das Mariñas, pero Inés Rey semella ten un enorme problema para dialogar coas alcaldías da comarca, aínda que sexan do seu propio partido. 

Boa proba destes problemas é que no último trimestre de 2020 se recuperaron 56 toneladas menos de papel e cartón ca no mesmo periodo do ano anterior, segundo os datos oficiais da Concellería de Medio Ambiente. Na mesma cidade, coa mesma xente, a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa. Así o indican os estudos da Universidade da Coruña.

Retroceso constante na áreas de Medio Ambiente

Practicamente todos os acordos ambientais que o PSOE asinou coa Marea Atlántica están incumpridos. Non se creou o operador enerxético municipal para apostar polas enerxías renovable e a xustiza social, senón que se concentran os contratos de subministro eléctrico en mans dunhas poucas empresas privadas. Non se realizou o Mapa de Enerxías Renovables nin se fomentou o emprego neste ámbito, desaproveitando unha oportunidade de afrontar a crise económica explorando novas áreas de desenvolvemento. 

A Estratexia de Infraestrutura Verde, deseñada no pasado mandato para ampliar as zonas verdes da Coruña e reducir a contaminación ambiental, está gardado nun caixón. Non se crearon os Bosques da Coruña nos Rosais e Feáns, malia ter listos os proxectos desde 2019. Tampouco se ampliaron as hortas urbanas en Monte Alto nin se crearon novas en Palavea, a pesar de que Inés Rey recolle premios por estas iniciativas da Marea Atlántica. 

O desinterese nas zonas verdes, sobre todo o daquelas que non están nos Cantóns, faixe evidente cando se desaproveitaron os 6,6 millóns de euros que o contrato de parques e xardíns incluía nos dous últimos anos para melloras e reformas. O goberno segue a ser incapaz de explicar como e onde os investiu, se é que o fixo. Volvemos preguntalo nesta comisión, e seguimos sen unha resposta clara ao respecto.