Saltar ao contido

Xan Xove: “Semella que Inés Rey quere que ‘Mover os baixos’ fracase, en lugar de aproveitar este programa pioneiro para afrontar o problema dos baixos baleiros” 

Só se puxo en marcha a convocatoria de adquisición de locais baleiros, dotada con 1,5 millóns, publicouse no BOP o 9 de xaneiro e está aberta ata o 9 de marzo, pero non tivo ningunha publicidade por parte do Concello

A Marea Atlántica amosa a súa preocupación pola marcha de Mover os baixos’, o programa de tres millóns de euros destinado a afrontar o problema dos locais comerciais baleiros impulsado pola Marea Atlántica e incluído nos acordos para a aprobación dos Orzamentos 2022. Das tres liñas previstas, só se puxo en marcha unha: a convocatoria de compra de locais comercias baleiros por parte do Concello, pero resulta case imposible de atopar para as persoas interesadas. 

“Case semella que Inés Rey quere que ‘Mover os baixos fracase”, afirma o noso candidato á alcaldía da Coruña, Xan Xove. E engade que “Ter un programa pioneiro para afrontar o problema dos baixos baleiros, grazas á iniciativa da Marea Atlántica, e lanzalo case en segredo non é, desde logo, a mellor forma de gobernar. Inés Rey debería estar a facer o necesario para que estas axudas cheguen a quen as precisa”.

Instamos ao goberno local a publicar a convocatoria de compra de locais nun lugar visible e accesible da páxina web Municipal e a facelo antes de que remate o prazo para presentar ofertas, o vindeiro 9 de marzo. Tamén debería contar, á maior brevidade, cunha campaña de difusión específica, ao tempo que se activan as outras medidas do programa que seguen pendentes: a liña de axudas a pemes e persoas autónomas e a bolsa de alugueiro de locais.

O concurso público para a compra de locais baleiros por parte do Concello, dotado con 1,5 millóns de euros, foi publicado no BOP o pasado 9 de xaneiro, e desde entón está aberto o prazo de presentación de ofertas, que rematará o 9 de marzo, en menos de tres semanas. Pero o goberno local non fixo nin o mínimo xesto para darlle publicidade.

A bolsa de alugueiro e as axudas, en paradoiro descoñecido

Tampouco hai novidades das outras dúas liñas incluídas en Mover os baixos, nin da bolsa de locais en alugueiro —dotada con 600.000 euros— que debería estarse a lanzar a través de EMVSA, nin da liña de subvencións para pemes e persoas autónomas. Esta última debería terse lanzado ao longo do mes de xaneiro, segundo o compromiso do goberno local, pero segue en paradoiro descoñecido a 20 de febreiro. Os 900.000 euros para financiar actividades en locais comerciais permanecen gardados no caixón de Inés Rey. 

Como explica Xan Xove, “Desde a Marea Atlántica realizamos unha rolda de contactos con varias entidades sociais e veciñais para presentar o programa Mover os baixos despois da súa aprobación, facendo o traballo que non fixo o goberno do PSOE. E espertou un considerable interese tanto entre o pequeno comercio coma no tecido asociativo. Por iso resulta difícil de entender este xeito de tratar a convocatoria, case en segredo”. 

É preocupante que o goberno local teña paralizado o programa ‘Mover os baixos’