Saltar ao contido

Pedirémoslle contas ao ao goberno local sobre o acordo polo dereito á vivenda: foi asinado en decembro e non se implantou aínda ningunha das medidas previstas

A Marea Atlántica quere amosar a súa preocupación pola parálise das políticas municipais de vivenda, e levará ao Pleno do Concello da Coruña, o vindeiro mes de xullo, unha pregunta oral para que o goberno local explique os motivos e dea conta de cando pensa cumprir o acordo sobre dereito á vivenda asinado en decembro de 2021 co noso grupo. 

Este pacto permitiu que no Orzamento de 2022, aprobado grazas aos votos da Marea Atlántica, haxa 9 millóns de euros reservados para políticas públicas de vivenda. Pero a súa execución por parte do goberno local está a ser inexistente desde que se produciu o relevo na Concellería de Urbanismo, agora en mans de Francisco Díaz Gallego. 

O único avance neste sentido foi a accidentada ampliación de capital en EMVSA, aprobada o xoves pasado, e que debería conducir a unha mellora urxente da bolsa de alugueiro social, aumentando nun 30% os seus fondos. E ampliando os seus requirimentos alén das persoas en risco de exclusión, para que chegue tamén á mocidade e a xente maior. 

Quedan moitas outras medidas sen executar, como a compra de inmobles e soares (2 millóns de euros), a construción e promoción de vivenda pública (3,6 millóns de euros) e o aumento das axudas á rehabilitación (incremento previsto dun 20%), entre outras políticas que deberían estar a implantarse xa e permanecen paralizadas.

De brazos cruzados fronte aos pisos turísticos

Alén do orzamento, os acordos polo dereito á vivenda incluían un compromiso para regular a presenza de pisos turísticos na Coruña. Un compromiso que non se materializou, a pesar de que a súa presenza na cidade está chegando a niveis preocupantes. Xa existen máis de 600 pisos en alugueiro vacacional, máis das que están dispoñibles para arrendar como vivenda habitual. 

Esta situación contrasta coa doutros concellos que están a poñer normas e controlar a presenza do sector das vivendas turísticas, coma Oleiros, onde se reduciron este tipo de alugueiros, ou Santiago de Compostela, que está a localizar e multar aos que carecen de licenza municipal. Isto sen movernos da provincia da Coruña. 

A presenza intensiva de vivendas turísticas ten un impacto moi negativo nas cidades, por iso os concellos máis afectados están a facer esforzos para regulalas. Aló onde se instalan, inchan o prezo dos alugueiros, ata o punto de expulsar á veciñanza dos barrios. Crean bloques pantasma que permanecen deshabitados boa parte do ano, fanlle a competencia desleal ao sector hoteleiro e mesmo se asocian con problemas de convivencia. Por isto instamos ao goberno local a actuar.

Trasladamos ao Pleno a nosa preocupación pola parálise das políticas municipais de vivenda