Tres meses despois do inicio do confinamento e doce días tras a aprobación do modificativo de crédito, A Coruña continúa sen ter en marcha medidas específicas para as familias e negocios en apuros
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, volveu reclamar hoxe na Xunta de Portavoces que o goberno municipal poña en marcha dunha vez as medidas para afrontar a crise derivada do COVID19. “O modificativo necesario para dotar de fondos estas axudas foi aprobado hai 15 días con acordo de todos os grupos políticos. Pasaron máis de tres meses desde a declaración do estado de alarma, que xa non está vixente en Galicia. E o Concello da Coruña aínda non activou o seu plan contra as consecuencias sociais e económicas da pandemia”, sinalou.
Medidas como as axudas e incentivos a autónomos e pemes, as bolsas municipais de vivenda social e locais en alugueiro ou os bonos ao comercio (deixados na man de federacións privadas) seguen sen poder solicitarse en ningures, nin sequera se redactaron as bases. Tampouco se creou a Oficina de Atención Cidadá para centralizar nunha xanela única todas as solicitudes. A xente da Coruña continúa agardando.
“Mentres o Goberno do Estado xa activou as solicitudes para o Ingreso Mínimo Vital, e mentres concellos como Sada, Arteixo, Lugo ou Compostela teñen axudas en marcha desde hai semanas, o goberno municipal da Coruña continúa sen poñer en marcha unhas medidas que xa hai tempo que eran urxentes”, engade María García.
Non será pola Marea Atlántica, que non só fixo propostas e apoiou a modificación orzamentaria no pleno malia ás discrepancias, senón que tamén lle demos o visto bo ao recurso ao procedemento de urxencia previsto na Lei de Facendas Locais para situacións de catástrofe. Grazas a este mecanismo, que sacrifica a transparencia e a participación pública en favor da rapidez na tramitación, os fondos están dispoñibles dende o mesmo intre da aprobación.
O único sitio no que estas axudas municipais existen é na propaganda. O primeiro que activou o goberno de Inés Rey foi a campaña publicitaria, triplicando o gasto con respecto ao anterior mandato até sumar 1,3 millóns de euros. Pero quen pregunta polo contido destes anuncios non ten ningún lugar real ao que acudir.