Preguntaremos no Pleno polos avances na concesion de licenzas de primeira ocupación, tras as últimas protestas das persoas afectadas
Solicitaremos acceso ao expediente das obras de urbanización definitiva do barrio, que permanecen sen avances pese a quedar preparadas no mandato anterior
O grupo municipal da Marea Atlántica preguntará no pleno pola demora na concesión de licenzas de primeira ocupación no Ofimático despois de que a semana pasada varios veciños realizasen protestas por non poder entrar nas súas casas un ano despois de que remataran as obras. Como sinala o concelleiro Xiao Varela, “instamos ao goberno do PSOE a axilizar todo o posible os trámites, informar ás persoas afectadas e non volver facer do Ofimático un problema, cando xa o resolveramos no mandato anterior”.
Varela lembrou que a cooperativa A Carnocha, a primeira en ter lista toda a documentación, “recibiu a súa licenza de primeira ocupación 24 horas despois de contar con subministro eléctrico”. Despois chegarían outros tres edificios, xa habitados nestes momentos. Unha xestión que contrasta coa falta de resposta actual.
Do mesmo xeito, solicitaremos acceso ao expediente das obras de urbanización definitiva do barrio, despois de que o goberno de Xulio Ferreiro deixase listo o proxecto, emendando o revés xudicial sufrido polo contrato anterior (impulsado polo PSOE e mantido polo PP). “Queremos coñecer o estado da tramitación e as alegacións recibidas, para coñecer os motivos deste atraso. Deixamos rematadas as obras imprescindibles para conceder as licenzas de primeira ocupación, pero o barrio precisa contar xa con todos os servizos”, explicou o concelleiro.
Apoio á recuperación dos nomes tradicionais
Doutra banda, amosamos o noso apoio á proposta, aprobada hoxe á Comisión de Honras e que proximamente irá ao Pleno, para devolver a microtoponimia tradicional ás rúas do novo barrio, así como para recuperar o nome histórico da zona, Xuxán.
Nunha iniciativa que comezara a tramitarse xa no pasado mandato, lugares como Galán, Agrelo, A Canteira, Longarela, Campo de Galán e A Viña, borrados polo urbanismo inhumano, volverán a ter o seu lexítimo lugar no mapa da Coruña.