Saltar ao contido

Un padroado forzado pola Marea Atlántica acordou en abril abordar con urxencia, en quince días, o acontecido coa polémica mostra de Lalín; catro meses despois, segue sen facerse

A Fundación Seoane ten pendente ademais, abrir un amplo debate sobre cal debe ser a seu papel tendo en conta os seus estatutos e a importancia da figura que representa

A Marea Atlántica lamenta, logo da reunión ordinaria do Padroado da Fundación Seoane celebrada hoxe, a falta de transparencia e a ausencia de xestións por parte da presidenta da entidade, a alcaldesa Inés Rey, para contratar a asesoría que poda axudar a esclarecer a autoría das 18 obras dubidosamente atribuídas a Luis Seoane, así como a falta de acción para iniciar un debate sobre o seu papel na protección e promoción da súa figura e do seu legado artístico.

Hai xa catro meses dende que se acordou por unanimidade na xuntanza extraordinaria do padroado, actuar para esclarecer canto antes a autoría das obras cuestionadas nun informe elaborado por expertos da propia fundación, segundo revelou eldiario.es. “Hoxe quedou claro que non hai un só avance neste asunto alén do dano que se está a causar á propia imaxe da fundación. Nin sequera se aprobou a acta da reunión extraordinaria do padroado do pasado abril”, comenta Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica e membro do padroado da Fundación. “É unha mágoa que a alcaldesa Inés Rey, presidenta do padroado e máxima responsable da fundación, consinta esta situación”, remata Martínez.

O papel da Fundación, tamén sen discutir

Do mesmo xeito temos que lembrar que dende novembro do ano pasado, Inés Rey ten pendente convocar ao padroado da Fundación para abrir un debate sobre o propio rumbo da institución.

Tal e como se recolle nos seus estatutos, o cometido principal da Fundación Seoane é o de protexer o legado de Luís Seoane pero non se está a cumprir debidamente, tal e como denunciamos nun rogo oral no Pleno do pasado novembro. Xa entón denunciaba Martínez, “a proba, dramática, de que a Fundación Seoane non cumpre debidamente coa protección da obra do artista, é o mal estado da súa sede, que ten mesmo filtracións e non permite a súa conservación en condicións nin  tampouco a súa exhibición permanente”.

Lamentamos a inacción de Inés Rey no caso da presunta falsificación de obras de Seoane e sobre o papel da Fundación como garante do legado do artista