O bipartito aproba, co apoio do PP, salarios de 51.000 a 63.500 euros para as deputadas e os deputados e rexeita dar voz aos partidos da oposición nos órganos colexiados, o voto ponderado nas comisións informativas e rebaixar as primas por asistencia a plenos
O voceiro da Marea anuncia que cobrará 35.000 euros brutos anuais, de acordo co seu Código Ético, e devolverá 16.000 á propia Deputación
O goberno bipartito do PSOE e o BNG na Deputación da Coruña aprobou esta mañá, apoiado polos votos a favor do Partido Popular e Alternativa dos Veciños de Oleiros, a nova organización do ente provincial. Unha organización que evidencia, a xuízo do voceiro do grupo provincial da Marea Atlántica, Daniel Díaz Grandío, “dinámicas que non traen nada novo, inercias que veñen de non funcionar no pasado e movementos que foron castigados de forma reiterada en anteriores procesos electorais”.
PP, PSOE e BNG desoen o expresado unha e outra vez pola Marea e impóñenlle ao seu voceiro na Deputación un salario de 51.000 euros brutos anuais, cantidade moi superior á permitida polo seu Código Ético. Ao tempo que critica o conxunto do réxime salarial aprobado esta mañá polo bipartito co apoio do PP, con soldos de 63.500 e 56.000 euros para o presidente (PSOE) e a vicepresidenta (BNG), Díaz Grandío anuncia que só cobrará 35.000 euros brutos anuais, exactamente o mesmo que cobran as súas compañeiras e os seus compañeiros no goberno municipal da Coruña, e que lle devolverá todo o demais á propia de Deputación da Coruña.
Na súa intervención no pleno da Deputación, Díaz Grandío advertiu de novo que o bipartito está a duplicar funcións e responsabilidades na organización do goberno, e que nin sequera durante as negociacións mantivo un único criterio. A continuación, repasou cada unha das propostas da Marea que foron rexeitadas sistematicamente por PSOE e BNG, nunha actitude de “falta de consideración” e de diálogo que levou finalmente á plataforma cidadá da Coruña a votar en contra.
A Marea propuña que os grupos da oposición tivesen voz, aínda que non voto, na Xunta de Goberno da Deputación, e que se lle dese contido político, e non quedase en mera “ferramenta cosmética”, á Xunta de Portavoces. E obtivo, a cambio, dúas sonoras negativas. Tamén pediu que todos os grupos participasen nos órganos colexiados, pero o bipartito optou por repartilos unicamente entre as forzas de goberno. Haberá que ver se agora, como recompensa polos votos prestados, tamén se incorpora ao Partido Popular no reparto da torta.
As deputadas da Marea solicitaron que nas comisións informativas o voto fose ponderado para garantir a proporcionalidade, pero o bipartito rexeitou a proposta amparándose nun informe xurídico que nunca se lle facilitou á oposición. E tamén insistiron, sen éxito ningún, en que as primas por asistir a plenos e comisións, ás que renuncian en cumprimento do Código Ético da Marea Atlántica, son demasiado elevadas e non están xustificadas.
Por último, o voceiro do grupo provincial da Marea lembrou que o apoio á investidura do bipartito o pasado 16 de xullo “non foi un cheque en branco”, e amosou a súa confianza en que “a métrica de catro anos de mandato” sirva para emendar dinámicas preocupantes.
Os comentarios están pechados.