Saltar ao contido

O pacto orzamentario ten como eixos o benestar social, a mobilidade sostible, a dinamización económica, a aposta polos servizos públicos e a igualade entre os barrios 

María García: “A cidadanía deunos un mandato claro de entendernos e chegar a acordos, e hoxe estamos a cumprilo”

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, compareceu hoxe xunto á alcaldesa Inés Rey e o portavoz do BNG, Francisco Jorquera, para asinar un acordo sobre os Orzamentos 2020 do Concello da Coruña, que serán netamente progresistas e estarán baseados no benestar social, a dinamización económica e a defensa do público. A igualdade,  a loita ambiental e o equilibro entre os barrios serán tamén centrais.

“Os grupos municipais de PSdeG-PSOE, Marea Atlántica e BNG acordamos sumar esforzos, construíndo unha maioría de carácter progresista e galeguista co obxecto de sacar adiante os orzamentos para o ano 2020, favorecendo así a implementación das políticas transformadoras que demandan as veciñas e os veciños da nosa cidade”, di literalmente o documento.

En palabras de María García: “A cidadanía deunos un mandato claro de entendernos e chegar a acordos, e hoxe estamos a cumprilo. Apoiaremos uns orzamentos municipais que responden ás propostas que presentamos desde a Marea Atlántica, e porque servirán para mellorarlle á vida á veciñanza”.

Continuidade aos acordos de xullo

O acordo asinado hoxe inclúe varias das medidas que se recollen nos acordos de xullo entre a Marea Atlántica e o PSOE da Coruña para o primeiro ano de mandato. É o caso da gratuidade das escolas infantís municipais a partir do vindeiro curso, das rebaixas no prezo do bus para maiores de 65 anos e menores de 25, ou da creación dun operador enerxético municipal a través de Emalcsa.

Outro eixos clave son o reforzo dos servizos públicos municipais, aumentando os fondos para dotalos de máis persoal; o incremento do gasto en Servizos Sociais e Igualdade (garantindo os cartos necesarios para as axudas de emerxencia e a Renda Social Municipal e ampliando o Servizo de Axuda no Fogar) e o reforzo dos programas educativos e as bolsas de estudo no estranxeiro.

Tamén se incrementarán os investimentos, con especial atención ao equilibrio territorial entre os barrios, refórzanse as políticas destinadas a garantir o dereito á vivenda e plásmase un claro compromiso ambiental e de loita contra a crise climática.

Acordo entre a Marea Atlántica, PSOE e BNG para os Orzamentos 2020 na Coruña

 

Marea Atlántica, PSOE e BNG asinan un acordo político para sentar as bases duns  Orzamentos de progreso no ano 2020