Saltar ao contido
 A deputada no Congreso, Ángela Rodríguez ‘Pam’, e as concelleiras de Igualdade de Ferrol, Saínza Ruíz, e A Coruña, Rocío Fraga, analizaron as consecuencias do abandono no que o goberno de Rajoy mantén o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
Cando se asinou o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, o PP prometera dedicarlle 200 millóns de euros neste primeiro ano de actividade a combater as violencias machistas e o feminicidio. Pero cando chegou a hora de redactar os orzamentos, a promesa quedou reducida a 80 millóns. Iso supón que a unha cidade como A Coruña, polo seu tamaño, vanlle corresponder uns miseros 50.000 euros do Estado para manter servizos como a Casa de Acollida para Vítimas da Violencia de Xénero ou para desenvolver campañas de prevención.
Estes datos puxéronse sobre a mesa na charla organizada pola Marea Feminista o 4 de maio, no noso local, e na que participaron a deputada de En Marea no Congreso, Ángela Rodríguez ‘Pam’, e as concelleiras de Igualdade de Ferrol, Saínza Ruíz, e A Coruña, Rocío Fraga.
‘Pam’ detallou as negociacións que permitiron aprobar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e lamentou que non chegara tan lonxe como era posible. “PP, PSOE e Ciudadanos negáronse a incluír políticas de igualdade dentro do Pacto, porque non recoñecen que a desigualdade é a principal causa das agresións a mulleres”, explicou. En todo caso, sinalou que o Pacto é unha ferramenta de grande interese, “unha das máis avanzadas de Europa”, e ten potencial para desenvolvese a pesar de que o PP o manteña baleiro de fondos e políticas reais. “Os concellos do cambio están a demostrar como as institucións poden implicarse na loita contra as violencias machistas.

O traballo desde o municipalismo

Pola súa banda, Saínza Ruíz explicou o traballo que se fai desde Ferrol, con especial atención as campañas de educación e concienciación, como a desenvolvida nos pasos de peóns da cidade. E salientou Casa de Acollida para Vítimas de Violencia de Xénero de Ferrol, unha das primeiras que existiron en Galicia, moi consolidada na comarca, a pesar do nulo compromiso da Xunta de Galicia. Na mesma liña se expresou Rocío Fraga: “Na Casa de Acollida da Coruña, a Deputación corre co 30% dos gastos, e a Xunta, que é quen ten as competencias, só co 12%. O mesmo ocorre co Centro de Información á Muller. Son servizos fundamentais para as mulleres agredidas, pero só continúan porque os concellos os mantemos con fondos propios”.
As tres participantes referíronse tamén á necesidade de ampliar e precisar a definición xurídica das agresións sexuais, para protexer ás mulleres e evitar inxustizas flagrantes. A recente sentenza no caso de La Manada, que non considera violación que cinco homes encerren a unha muller nun portal, a obriguen a manter relacións sexuais e lle rouben as súas pertenzas. Conceptos que están moi claros na sociedade, como violación e intimidación, precisan un traslado máis claro ao ordenamento xurídico.
Aínda que foi convidada, a concelleira de Igualdade de Compostela, Marta Lois, non puido acudir por motivos de axenda. Pero o seu traballo estivo presente no acto, lembrando a campaña #ennegrocontraaviolencia á que se suman ducias de concellos, empresas e asociacións cada ano para o 25 de novembro.

Aquí podedes ver o vídeo completo do acto. As aparicións espontáneas son cousa da pequena Maia, que se atopaba na zona de crianzas. Nun acto feminista, a vida está no centro.

Pacto contra a Violencia de Xénero. A resposta municipalista