O cabeza de lista da Marea Atlántica para as eleccións municipais de maio aposta por un plan integral para o comercio na súa reunión con representantes do sector
“En vez de favorecer os grandes centros comerciais ou ás multinacionais da venda on-line, temos que apostar polo comercio de proximidade, que xera riqueza que se inviste na propia cidade e trae vida aos barrios”, explica Xove
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, defendeu hoxe unha maior colaboración entre o Concello e o comercio de proximidade, coa posta en marcha dun Pacto polo Comercio Local que favoreza o desenvolvemento de negocios de proximidade que contribúan a dinamización e a prestación de servizos nos barrios. Este proxecto tería un enfoque integral, que incluiría non só medidas de promoción directa coma os bonos ao consumo, tamén a recuperación de baixos baleiros, a mellora da mobilidade, a seguridade e o coidado do espazo público.
“O modelo das grandes superficies xa vemos onde nos levou, a ter máis locais baleiros, máis negocios pechados e centros comerciais coma Espacio Coruña, que están prácticamente sen uso. Hay que recuperar o comercio de proximidade, moito máis beneficioso para os barrios e para a creación de riqueza que se inviste na propia cidade, para reforzalo fronte a alternativas coma as multinacionais da venda on-line, que non teñen ningún retorno”, explicou Xove. Ademais, o comercio e os proxectos no chamado zócalo das cidades fomentan tamén o coidado do espazo público, facilitan o encontro entre a xente do barrio e crean rúas máis seguras e vivas.
Xove, acompañado polo concelleiro Alberto Lema, mantivo onte unha xuntanza con representantes da Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC), para escoitar as súas demandas e necesidades de cara ao vindeiro mandato, e trasladoulles esta proposta. Desde a FUCC estiveron de acordo na necesidade de ampliar a colaboración e poñer en marcha medidas que beneficien non só ao comercio, senón ao conxunto da veciñanza.
Recuperación do programa Mover os Baixos
Así, comprometémonos a recuperar, con maior atención e máis traballo político, o programa Mover os Baixos, creado neste mandato grazas á iniciativa da Marea Atlántica, pero que Inés Rey deixou fracasar, tal e como denunciamos no último Pleno. O concurso de compra de locais baleiros por parte do Concello rematou coa presentación dunha única oferta. E a liña de axudas para novos proxectos de persoas autónomas segue aberta, pero practicamente sen publicidade nin traballo de difusión. “Desaproveitáronse tres millóns de euros, tendo unha boa política en mans dun goberno que non lle dedicou atención. Resolverémolo a partir de maio, sinalou Xove”.
Desde a FUCC reclaman melloras na mobilidade, que faciliten o acceso e os desprazamentos na Coruña, unha cuestión que desde a Marea Atlántica queremos abordar coa creación dunha empresa municipal de transporte, que asuma o servizo de bus tras a fin da concesión, xunto con BiciCoruña e os aparcamentos, e traballe na súa conexión intermodal e metropolitana.
Finalmente, estudarase a fórmula para recuperar os bonos ao consumo, similares aos que funcionaron dentro do paquete de medidas para afrontar as consecuencias da pandemia, pero cun maior carácter redistributivo, tendo en conta a renda de cada persoa no reparto de recursos.