Saltar ao contido
Bandeira vermella na praia de Oza

A calidade das augas de Oza rexenerouse no mandato da Marea Atlántica grazas ao programa Vertido Cero, pero só catro anos despois percíbese un retroceso preocupante. Preguntaremos no Pleno.

María García: “Cuestións coma o coidado das augas, a natureza urbana, os residuos ou a emerxencia climática non son prioritarias para este goberno”

A Marea Atlántica preguntaralle ao goberno local no vindeiro Pleno polas causas da presenza da bacteria fecal E.coli nas augas da praia de Oza, o que obrigou substituír a Bandeira Azul pola vermella para prohibir o baño neste areal “Agardemos que sexa un episodio puntual que se resolva con rapidez, pero lamentamos unha vez máis o desinterese polo medio ambiente que amosa este  equipo de goberno”, sinala a nosa voceira municipal, María García.

García lembra que “en 2018, e grazas ao programa Vertido Cero, posto en marcha polo goberno de Xulio Ferreiro, a praia de Oza recuperou a calidade de excelente nas súas augas e, con ela a Bandeira Azul que hoxe tivo que baixarse. Un retroceso grave en tan só catro anos”.

Desapareceu o programa Vertido Cero

O programa Vertido Cero púxose en marcha a finais de 2015, sendo unha das prioridades do mandato da Marea Atlántica, e conseguiu localizar case trinta puntos de verteduras contaminantes ao mar e eliminar o 80% das das mesmas. Un programa, que, tristemente, non se mantivo tras o cambio de goberno, con consecuencias como a que vemos hoxe.

Preguntaremos, igualmente, se o Concello está a analizar os efectos da dragaxe da Ría do Burgo na calidade das augas, pois os traballos de rexeneración son moi necesarios, pero non deberían levarse a cabo sen o axeitado control precisamente na tempada de baño.

“En xeral, cuestións coma a calidade das augas, a natureza urbana, a xestión de residuos ou a emerxencia climática non son prioridades para o goberno de Inés Rey”, resume María García, e engade que “así desapareceu o Vertido Cero, así a depuradora de Bens segue sufrindo a entrada de auga do mar a pesar de que hai un proxecto redactado para resolvelo, así péchase Oza ao baño en pleno verán e seguimos sen coñecer os efectos da dragaxe da ría”.

Praia de Oza: de recuperar a bandeira azul en 2018 a estar pechada ao baño en 2022