O cambio de nome da praza de Millán Astray suporá o inicio da aplicación da Lei da Memoria Histórica na Coruña, tras anos de demora alimentada ou consentida polas propias institucións
Desde hai demasiado tempo resulta vergoñento para a cidadanía coruñesa ver o rueiro infectado e colonizado por persoas que representan os valores antagónicos da convivencia e da tolerancia. A brutalidade, a violencia, a vulneración da legalidade, a violación de dereitos humanos, a adhesión aos fascismos non merecen o recoñecemento dunha sociedade democrática. Algúns que se dicían socialistas nunca lle deron á cidade a ledicia de percorrer neste asunto o camiño correcto. Doutros pouco se esperaba máis aló de parabenizar a quen nos avergoña a todas e de non ousar mirar a historia cun mínimo de obxectividade.
A aplicación da Lei da Memoria Histórica de 2007 leva unha demora alimentada ou consentida polas propias institucións. É outra tarefa pendente entre nós e a celebración da Primavera da Memoria que propón o concello este outono será unha ocasión para homenaxear ás vítimas do horror franquista. Nada mellor que o cambio de nome da Praza Millán Astray que será de contado a Praza das Atochas. Unha praza para a xente. A biografía do fundador da “Legión” representa o ideario violento da extrema dereita e unha barbarie fanática que non debe ser unha referencia pública. Houbo quen falou do personaxe como dun “coruñés de pro” ofendendo a alma, a memoria e a dignidade de todas as coruñesas e de todos os coruñeses.
O labor da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica sumado ao de moitos cidadáns, entidades ou historiadores foi determinante para concienciar á veciñanza da necesidade de restaurar a dignidade, corrixindo a preguiza e o desleixo de moitos gobernos municipais que non quixeron actuar nesta área. Xa tocaba que un goberno como o da Marea, nacido nas entrañas da cidade, rectificase a inanición. Acontece en moitos asuntos como a división distrital ou o escano cidadán. Cantas cousas hai por facer!
Na Coruña como noutras cidades e vilas do estado hai moitos fillos adoptivos, moitas placas, distincións honorarias, monumentos, símbolos, rúas e prazas que homenaxean a quen non só non o merece senón que constitúen unha desconsideración moi grave para as respectivas poboacións. E un exemplo fatal de como non se debe actuar. Denunciábao o alcalde de Iruña no encontro de cidades rebeldes en Barcelona. Podémolo testemuñar nós desde a Coruña cun rueiro inzado de militares golpistas e franquistas comezando polo propio Franco, Mola ou Sanjurjo.
O camiño que emprende o goberno que encabeza Xulio Ferreiro goza de aceptación entre todos os grupos políticos e entre a cidadanía. Para a Marea Atlántica constitúe un novo motivo de orgullo. A Coruña presume de cidade avanzada e progresista e precisa liberarse dos virus que afectan ao seu rueiro para camiñar con menos lastre e con máis orgullo. Con máis decencia.
Todas lembramos estes días os gritos en Salamanca de Millán Astray en favor da morte e en contra da intelixencia. Gritos que agora tamén desouvimos porque estamos a favor da vida e a favor dunha intelixencia partillada para resolver os graves problemas que nos asexan.
A rectificación e democratización do rueiro coruñés foi cualificado por algunhas persoas –moi poucas– como algo secundario e marxinal. É un erro moi grave velo así. Dificilmente poderemos edificar unha convivencia democrática se non somos capaces de compartir un relato da nosa historia máis recente e de ofrecerlle a moitas persoas e familias unha pouca calor e un máximo respecto. Pondo a cada quen no seu lugar.
Para rematar e en vésperas do centenario das Irmandades da Fala queremos lembrar á familia dos irmáns Villar Ponte tan intimamente ligada á nosa cidade e á súa historia máis lúcida. Esa familia padeceu de múltiples maneiras as dentelladas e os desprezos dun réxime que impediu as homenaxes a Antón e que dificultou a existencia de Ramón e os seus. Agora faremos o contrario. A memoria ten a súa primavera. Os que venceron non convenceron. Lembrarémolo tamén cos nomes das rúas e prazas onde se han criar os nosos fillos e fillas, netos e netas, lonxe da barbarie, desconectados do fanatismo, afastados para sempre do terror e da morte.
Os comentarios están pechados.