Declaración conxunta dos concellos da Coruña, Madrid, Barcelona, Zaragoza, Valencia e Terrasa, pronunciada o 17 de maio no Congreso dos Deputados
A ofensiva neoliberal impulsada polo goberno do PP pasa, entre outras cousas, por socavar a autonomía municipal e a capacidade de actuación dos Concellos. O ataque poderíase resumir nun lema: o PP persegue menos estado social e máis estado central. E os orzamentos xerais do Estado que propugna o executivo de Mariano Rajoy para este 2017 son un paso máis nesta direción.
As contas perpetúan a doutrina da austeridade. En canto ás Corporacións Locais, esta doutrina foi imposta polo ministro Montoro a través das leis de Estabilidade Orzamentaria e de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local (sic). E agora, persegue continuar encorsetando ás nosas cidades e concellos coa proposta orzamentaria presentada para 2017.
O golpe contra a autonomía local que supoñen estes orzamentos é ineficiente, inxusto, e antidemocrático. Ineficiente, porque o goberno central pretende perpetuar a intervención de facto nas administracións locais, que son as máis saneadas, para que financien o déficit da menos saneada, a central.
Segundo os datos do propio ministerio de Facenda, en 2016 as administracións locais xeraron un superávit de 7.083 millóns de euros, un 0,64% do PIB. Desde 2012 este superávit xerado polos municipios supera os 26.000 millóns. Ademais, o nivel de débeda dos Concellos non alcanza o límite marcado do 3% do PIB, mentres a débeda consolidada de todas as administracións roza o 100%.
A pesar diso, o ministro Montoro impide que os municipios poñan ao servizo da cidadanía os recursos xerados por esta boa xestión. E mantén de forma férrea o corpiño da austeridade a través da regra de gasto e da prohibición de destinar os superávits xerados a atender a emerxencia social, a mellorar servizos, ou a reactivar a economía local golpeada pola crise.
Todo iso xa explicaría por que estes orzamentos son un ataque á democracia local. Pero hai máis. O PP tamén os aproveita para introducir unha nova e preocupante limitación pola porta de atrás nas súas disposicións adicionais 27 e 35.
O único obxectivo destas disposicións é impedir a posibilidade de reverter a privatización de servizos públicos de competencia municipal. Supoñen, así, unha inxerencia directa na capacidade municipal de decidir como organizarse para prestar de forma óptima os servizos á cidadanía. E unha contradición co artigo 85.2 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local, que obriga a que se presten de forma eficiente e sustentable, e pública sempre que sexa posible. Ante o fracaso de moitas privatizacións, e a decisión de moitos municipios de recuperar a xestión pública como garantía duns servizos de calidade, prestados por persoais con condicións laborais dignas, e sometidos ao control democrático, o PP blinda as externalizacións vulnerando o principio de autonomía local consagrado na Constitución.
Estamos, pois, ante un novo ataque ao xa maltratado principio de autonomía local a través dos orzamentos. Por iso, Concellos de distinto signo político consideramos urxente e necesario unirnos por enriba das nosas diferenzas. Para facer escoitar a nosa voz e reclamar ás forzas parlamentarias que atendan as seguintes reivindicacións no marco da tramitación parlamentaria dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017:
- Que a Administración Xeral do Estado deixe de limitar de facto os orzamentos das entidades locais, garantindo así a autonomía local e suficiencia fiscal recollidas ao marco lexislativo vixente, empezando pola Constitución.
- Que o goberno central permita ás entidades locais que obteñan un resultado de superávit, cumpran cos obxectivos de sustentabilidade financeira (tanto de débeda financeira como de pago a provedores), e presenten remanentes de tesourería positivos, que dispoñan libremente destes remanentes para atender as necesidades da cidadanía. Por exemplo, destinándoos a combater a emerxencia social, mellorando servizos públicos ou impulsando o desenvolvemento das economías locais.
- Aumentar as achegas do Estado ao financiamento local, adaptándoas ás previsións de crecemento do PIB e de aumento da recadación de impostos. Tomar esta medida de forma urxente nestas contas, sen prexuízo do necesario debate sobre a mellora do financiamento local que está pendente desde a recuperación da democracia.
- Retirar as disposicións adicionais 27 e 35, que supoñen un grave ataque á autonomía municipal e á capacidade de decidir de os Concellos sobre cal é a maneira máis eficiente e xusta para prestar os servizos á cidadanía.
Esta declaración institucional foi asinada o 17 de maio polos alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro; Zaragoza, Pedro Santiesteve; e Terrasa, Jordi Ballart;, o tenente de alcalde de Barcelona, Gerardo Pisarello; as concelleiras de Madrid Rita Maestre e Carlos Sánchez Mato; e de Valencia, Sergio Campillo. Participaron nun encontro no Congreso, con representantes dos grupos parlamentarios do PSOE, Compromís e o confederal Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea