Saltar ao contido
Os animais non son pallasos

Os comentarios están pechados.

A Marea Atlántica asume o compromiso de acadar unha Coruña libre de circos con animais, rexeitando que os mesmos poidan seguir sendo forzados en espectáculos na nosa cidade.

Secundamos a campaña cidadá que recolleu máis de 29.000 sinaturas para apoiar esta declaración pública e traballaremos para acadala no menor prazo de tempo posible.

O uso de fauna silvestre e tamén doméstica en espectáculos de circo está caracterizado polo illamento, o adestramento cruel e a privación de liberdade en pos dunha caricaturización dos animais que traslada unha imaxe gravemente irreal do que supón o comportamento dos animais nos seus hábitats naturais.

Estudos e expertos teñen elaborado nos últimos anos unha completa revisión científica do trato á fauna cativa en circos, e advirten sobre a imposible asunción destes eventos itinerantes das liberdades básicas recoñecidas polos organismos internacionais de sanidade e benestar animal. Tigres, leóns, elefantes e ata pingüinos permanecen grandes xornadas engaiolados e sendo adestrados a partires de técnicas baseadas no medo e na dor, nos estímulos negativos.

Ademáis da recoñecida falta de benestar animal, os circos que transportan todo tipo de seres vivos constitúen un potencial perigo para a cidadanía, incapaces de garantir uns estándares mínimos de seguridade e permitindo incluso que calquera persoa poida entrar en contacto cos mesmos, como un novo exercicio comercial, vendendo as fotografías ao mellor postor.

Dende a Marea Atlántica lembramos que o noso ADN contén grupos de traballo para incidir en cuestións ambientais e tamén animalistas, e dende logo os circos que explotan animais non representan o que queremos na Coruña, pola súa imaxe distorsionada e polo seu afán de lucrarse a partires do sufrimento dos seres vivos.

Apostamos por tanto por unha cidade máis amigable cos animais e coa veciñanza, onde se continúe a incidir nunha convivencia responsable en un municipio comprometido co que nos rodea.

Os animais non son pallasos