Saltar ao contido

Xulio Ferreiro e Martiño Noriega fan un chamamento a que o partido participe no proceso de unidade popular que xa está en marcha, grazas ao amplo consenso acadado na Marea Constituínte de Vigo

 

Os alcaldes de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, e A Coruña, Xulio Ferreiro, valoraron positivamente a clara aposta pola unidade popular amosada polas bases de Podemos Galicia, na consulta telemática realizada nos últimos días, e reiteraron que o partido ten as portas abertas para participar en pé de igualdade no espazo creado, cun gran consenso, na Marea Constituínte que se celebrou o sábado 30 de xullo en Vigo.

Esta tarde celébrase, en Santiago, a segunda xuntanza da coordinadora provisional de En Marea, na que se pechará a convocatoria de primarias para finais desta semana. Antes do inicio da reunión, Noriega sinalou que o 75% de apoio acadado pola opción de concorrer ás eleccións galegas en alianza con outras forzas afíns “é unha moi boa nova, no sentido de que amosa unha aposta clara pola unidade popular”. Pero matizou que a proposta concreta enunciada pola secretaria xeral do partido, Carmen Santos, “ten un encaixe complexo co novo espazo de En Marea, onde acordamos dotarnos dunhas primarias e dun funcionamento en pé de igualdade para todos e todas, sen reparto de cotas específicas”. Para o rexedor compostelán, o axeitado é “avanzar neste espazo no que nos atopamos todas na Marea Constituínte de Vigo. O sábado 30 de xullo deuse un gran paso, e hai unha vontade xeral de todas as partes para ir xuntas nun proceso de unidade popular”.

Xulio Ferreiro, pola súa banda, salientou que “participaron na consulta máis de 6.000 persoas, e tres cuartas partes elixiron a opción da confluencia. Agora, que o proceso xa está en marcha e ten unas regras claras, que levaron traballo, pero que contan cun respaldo maioritario. Por iso agardamos que as persoas de Podemos que aínda non participan nel se una con ilusión e alegría”. Indicou que o proceso de primarias, que se lanzará esta semana, será completamente aberto para a todo o mundo, e agardou que Podemos opte por integrarse nel en lugar de buscar “un pacto por arriba, fóra do proceso, e pechado ás carreiras nos últimos días”. “Temos que construír a confluencia desde abaixo, con fórmulas abertas e democráticas, como xa se fixo nas candidaturas municipalistas, nas que tamén participou Podemos”.

 

Avances no programa participativo

Hoxe fixéronse tamén importantes avances na elaboración do programa electoral de En Marea para as eleccións galegas. Dividiuse o traballo en grandes áreas temáticas, que representan os principais eixos de actuación no país:

  1. Democracia participativa
  2. Autogoberno
  3. Economía e facenda
  4. Ordenación do territorio e infraestruturas
  5. Ambiente e defensa da terra
  6. Servizos públicos e sociais
  7. Igualdade e políticas feministas
  8. Lingua, cultura e patrimonio
  9. Sociedade da Información
  10. Acción exterior e cooperación

Nos vindeiros días, abrirase un proceso participativo para recoller ideas e sumalas á liña programática da candidatura.

Os alcaldes convidan a Podemos Galicia a integrarse en En Marea en pé de igualdade