Saltar ao contido
San Caetano - Xunta de Galicia

O proxecto de presupostos do goberno galego reduce o investimento previsto no CHUAC a menos da metade e recicla proxectos que soan a vello 

Non hai fondos para o centro de saúde en Santa Lucía nin novos proxectos para a mobilidade metropolitana ou a xustiza social

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, cualificou hoxe o proxecto de Orzamentos 2023 da Xunta de Galicia como “decepcionante”, por deixar Á Coruña nun papel secundario e “porque o goberno do PP en San Cateano non é quen de cumprir nin coa súa propia propaganda”. Nunha primeira valoración, sinalou que “calquera investimento na cidade é unha boa nova, tendo en conta o escasisimo compromiso da Xunta nos últimos anos, pero non podemos celebrar un proxecto sen novas propostas en asuntos coma a mobilidade metropolitana ou a xustiza social”. 

García salienta que o maior investimento para A Coruña son os 28,5 millóns de euros que se reservan para as obras do CHUAC. Unha cifra importante, pero que se irá na súa maior parte en expropiacións, e que resulta un 60% menos do anunciado: para 2023 agardábanse 68,5 millóns. Pérdense polo camiño da propaganda 40 millóns que a Consellería de Sanidade non aproveitará tampouco para mellorar a atención primaria, reducir as listas de espera e garantir que haxa servizo de pediatría en cada centro de saúde. 

“Tampouco hai novidades do novo centro de saúde para o barrio da Falperra, no mercado de Santa Lucía, un asunto que era urxentísimo cando o PP o empregaba para atacar ao goberno de Xulio Ferreiro, pero que tres anos e medio despois segue parado, sen servizos no barrio. O compromiso de iniciar agora un concurso de ideas é case unha broma de mal gusto”, sinala María García. 

En mobilidade, desatáscase o proxecto da Intermodal, pero non grazas ao mérito de Alfonso Rueda, senón ao financiamento europeo dos Fondos Next Generation. É unha nova positiva para a cidade, pero unha estación intermodal non vai resolver o problema da mobilidade metropolitana, onde hai anos que os concellos reclaman unha autoridade única para coordinar as líñas de autobús. Unha petición que a Xunta volveu ignorar nestes orzamentos. 

O futuro dos peiraos

No que respecta ao bordo litoral da Coruña, a única dotación nova é a da plataforma de baño do Parrote, mentres nas súas declaracións públicas o Partido Popular insiste nun mal uso dos fondos públicos para destinalos á compra dos terreos portuarios. “Pero por moito que o repitan, non vemos interese en malgastar cartos para adquirir uns peiraos que xa teñen uso público, como estamos a ver nos concertos das Noites do Porto, entre outras iniciativas. A prioridade debería ser constituír un consorcio para xestionar a integración do porto na cidade”, resume María García. 

Finalmente, no que respecta á cidade, botamos en falta un compromiso para eliminar o inxusto copagamento no servizo de axuda no fogar, que se ceba con moitas familias e que pode eliminarse cun mínimo investimento. E tamén a implicación da Xunta coas escolas infantís municipais ao mesmo nivel que as privadas, garantindo as oito horas gratuítas. Son compromisos que non poden esquecerse.

María García: “A Xunta non cumpre nin a súa propia propaganda e resérvalle á Coruña un papel decepcionante nos seus Orzamentos 2023”