Saltar ao contido

O ano pasado a convocatoria foi en outubro, con moito atraso, o que desembocou en prazos moi curtos e nun proceso inconsistente, que deixou fóra ducias de achegas

Os Orzamentos Participativos son recorrentes, é unha cuestión de vontade lanzar a convocatoria con tempo suficiente. O goberno local ten que cumprir os seus compromisos coa veciñanza.

A Marea Atlántica volve reclamarlle ao goberno local que lance canto antes a convocatoria dos Orzamentos Participativos. O tempo aprema e é preciso habilitar a convocatoria co tempo suficiente para que a veciñanza que o desexe poda presentar as súas propostas.

Temos que lembrar que o ano pasado levouse a convocatoria ao límite: realizada en outubro, establecéronse prazos extremadamente curtos e criterios arbitrarios nun proceso que deixou fóra ducias de propostas.

Como sinala a nosa voceira, María García, “a estas alturas de agosto estamos cunha marxe moi axustada para que a convocatoria poda desenvolverse con todas as garantías. Pero malia o compromiso da alcaldesa, nada sabemos dos Orzamentos Participativos; é lamentable que cada ano teñamos que chegar a este punto, cando se trata dunha convocatoria anual que no pasado mandato comezaba ao redor do mes de maio”.

Os Orzamentos Participativos forman parte dos compromisos adquiridos polo PSOE no pacto de investidura da alcaldesa e debería cumprir con esta convocatoria, coa ollada posta nos orzamentos do vindeiro ano.

Un dereito gañado en 2016

Os Orzamentos Participativos puxéronse en marcha no goberno de Xulio Ferreiro, experimentando unha crecente participación e aceptación con cada convocatoria. Deixaron de convocarse en 2020, por mor da decisión unilateral da alcaldesa de non aprobar uns orzamentos municipais, e recuperáronse o ano pasado, non sen complicacións. “Son unha ferramenta de democracia directa e un dereito gañado pola veciñanza, algo que un goberno que se di progresista debería conservar”, conclúe García. 

Urxe que o goberno local convoque os Orzamentos Parcipativos