Saltar ao contido

Os tempos de participación redúcense á metade con respecto a outras convocatorias, e os barrios dispoñen de 500.000 euros menos para escoller iniciativas

Grazas á presión da Marea Atlántica, a veciñanza volve ter un dereito que adquirira en 2016

A Marea Atlántica saúda que A Coruña volva contar cunha convocatoria de Orzamentos Participativos para que a veciñanza poida decidir o destino dunha parte dos investimentos municipais. Recupérase así, grazas á presión do noso grupo, un dereito cidadán conquistado en 2016, no mandato de Xulio Ferreiro, tras o hiato do ano 2020. Porén, lamentamos que o goberno de Inés Rey tardase tanto en lanzar esta convocatoria —e só despois das nosas advertencias—, e que o faga cuns prazos demasiado curtos e prescindindo sen motivo do traballo realizado en anos anteriores. 

Deste xeito, a fase de presentación de propostas ábrese o luns 20 de setembro, case sen información previa, e durante un período de 15 días, cando o normal en anteriores edicións era un mes. A fase de apoios (do 18 ao 25 de outubro) e a votación final (do 17 ao 24 de novembro) duran só oito días, fronte as tres semanas de convocatorias previas. Como sinala a concelleira Claudia Delso, “son tempos breves de máis para garantir que toda a veciñanza que o desexe teña oportunidade de exercer o seu dereito á participación”. 

Confírmase, ademais, que os fondos dispoñibles para os Orzamentos Participativos redúcense en 500.000 euros, pasando dos tres millóns de 2019 aos 2,5 deste ano. Pero o peor é que o groso deste recorte concéntrase nos proxectos destinados aos barrios, deixando a cada distrito da cidade con só 150.000 euros para repartir, en lugar de 200.000. Mantense un millón de euros para iniciativas que afectan a toda a cidade. “Consideramos que é un erro, xa que o equilibrio territorial entre os barrios é un dos obxectivos orixinais desta convocatoria”, sinala Delso. 

En todo caso, consideramos positivo que o goberno local rectifique e manteña esta convocatoria para non deixar á veciñanza sen o seu dereito á participación nos asuntos do Concello, unha área na que se estaban a ver demasiados retrocesos desde o comezo do mandato, incumprindo os acordos asinados coa Marea Atlántica. Saudamos, tamén, que se manteñan os puntos informativos en bibliotecas e centros cívicos para axudar ás persoas que teñan problemas coas ferramentas dixitais.

Abandono dunha web consolidada e de referencia

Coa nova convocatoria dos Orzamentos Participativos chega un cambio de denominación e, inexplicablemente, abandónase a web que se empregara en anos anteriores. Entérrase así A Porta Aberta, unha ferramenta que xa estaba preparada para xestionar os procesos de votación, desenvolvida en software libre en colaboración con outras cidades de todo o mundo. 

“Non comprendemos que se dediquen recursos municipais a crear un novo espazo web para as políticas de participación, tendo xa unha operativa e de referencia”, resume Claudia Delso. Co engadido de que a nova dirección http://www.nacorunacontas.coruna.gal/ non estaba operativa no momento de redactar estas liñas, pese a terse presentado hoxe publicamente. 

Celebramos que o goberno local recupere os Orzamentos Participativos, aínda que con atraso e prazos demasiado curtos