Os principais proxectos para a cidade quedan esquecidos. Condónase a débeda do porto de Valencia pola Copa América e a Fórmula 1, pero non a do porto da Coruña
A Marea Atlántica esíxelle por carta a Inés Rey que convoque dunha vez o Pleno Extraordinario para que o Concello da Coruña poida trasladarlle ao Estado as reclamacións da cidade
O país recibe o menor investimento en 15 anos, un 11% menos que as últimas contas aprobadas, as de 2018
A Marea Atlántica, tras analizar o anteproxecto de Orzamentos Xerais do Estado que o Goberno deu a coñecer onte, lamenta que unha vez máis Galicia e A Coruña fiquen esquecidas para a Moncloa. A nosa voceira municipal, María García, sinala que “os orzamentos son rácanos para Galicia, un 11% menos que o último presuposto aprobado, e son un novo insulto para A Coruña. A nosa cidade é o pulmón social e económico do país e o único que recibe é maltrato. Un fracaso de Inés Rey e o seu prometido teléfono vermello do clientelismo socialista, que ou está fóra de cobertura ou comunica”.
A mellor noticia que recibe a área metropolitana coruñesa é dotación de 20 millóns de euros para a Ría do Burgo, pero se trata dun proxecto que leva arrastrándose polos orzamentos do estado desde 2008 sen chegar a executarse nunca, e iso a pesar de que a Unión Europea non deixa de denunciar a lamentable situación da ría. Só faltaría que o saneamento quedara sen afrontar.
Ante esta situación, María García presentaralle unha carta á alcaldesa para esixir que convoque o Pleno Extraordinario proposto pola Marea Atlántica e apoiado pola maioría da Corporación. “A Coruña ten que facerse escoitar, cunha voz unánime”, asegura a nosa voceira. Esixímoslle ao Goberno do Estado que rectifique no trámite parlamentario, e aos deputados e ás deputadas galegas que, por unha vez, fagan valer os intereses da Coruña e a súa área metropolitana en Madrid.
Existen medidas positivas, como o incremento dos fondos en políticas sociais, sanidade e educación. Pero non son suficientes para equilibrar o pésimo balance do investimento territorial.
50 millóns para Audasa, nada para o porto
Indo ao detalle, Galicia recibe o menor investimento en 15 anos, menos que cos gobernos de Rajoy. E o máis salientable é unha inxección de fondos de 65 millóns de euros a Audasa (sumando investimentos novos e obras pendentes), unha empresa que segue repartindo dividendos cada ano, para engordar os seus beneficios con cartos públicos. De aí, 50 millóns van para aliviar as peaxes a costa dos impostos da cidadanía, non da conta de resultados dunha compañía proivada.
“Isto é o exemplo perfecto de que Galicia non pinta nada no goberno de Pedro Sánchez. Se comparamos cos 400 que recibe Valencia para condonar a débeda do seu porto, é imposible non indignarse. 400 millóns para unha débeda xurdida dos excesos da Copa América e a Fórmula 1 no Levante, mentres se pretende que A Coruña pague ao completo o endebedamento das obras do porto exterior”, afirma María García.
Valencia recibe incluso mellores condicións das que lle prometeran en 2019. Mentres, A Coruña queda co seu bordo litoral hipotecado. Como lembra a nosa voceira: “Inés Rey prometeu esixirlle a Pedro Sánchez a condonación da débeda do porto da Coruña. Xa vemos o resultado das súas xestións, se é que fixo algunha. Tamén nos dixera que tiña o compromiso do presidente de que ía salvar Alcoa. Como para fiarse…”
Así, mentres Audasa recibe subvencións, o ferrocarril está desaparecido das contas do Estado. Nin a conexión por tren con Punta Langosteira, fundamental para que o porto exterior entre en funcionamento pleno e a cidade poida recuperar os peiraos interiores, nin a aposta polas liñas de proximidade. Só 128.000 euros para a conexión A Coruña-Ferrol, toda unha tomadura de pelo.
María García tamén denuncia que “a Intermodal segue no limbo. Non está claro que os 18,6 millóns previstos por ADIF para actuacións de mobilidade urbana na provincia sexan enteiramente para a nova estación de San Cristovo, e aínda que estivese claro, ese presuposto sería insuficiente. É un terzo do necesario para que o Estado faga a súa parte dun proxecto estratéxico que segue bloqueado quince meses despois de que Inés Rey e Javier Losada se fixesen unha foto anunciando a licitación das obras”.
A Vedra, outra tomadura de pelo
É clamorosa a ausencia de fondos para a humanización da Vedra nos Orzamentos do Estado. “Só aparecen 100.000 euros sen compromisos para anos posteriores. Significa isto que se volve atrás? Vaise crear un novo proxecto de cero en lugar de aproveitar o que o goberno de Xulio Ferreiro deixou pactado? A alcaldesa debe dar explicacións”, reclama a portavoz da Marea Atlántica.
Tampouco hai unha partida para a pasarela sobre Alfonso Molina, a pesar das promesas de facela en 2021. De confirmarse que queda sen orzamento, sería unha nova estafa á veciñanza de Pedralonga, Palavea e Eirís, que terán que seguir a xogar a vida no cruce.