Mentres Valencia recibe 17 millóns despois da condonación doutros 400 millóns o ano pasado, para A Coruña non se incorpora ningunha disposición semellante e mantense a carga da débeda portuaria sobre a cidade. 

A falta dunha conexión ferroviaria a Punta Langosteira é unha anomalía histórica cuxa resolución non debería lastrar outros proxectos da cidade 

Un ano máis figuran promesas reiteradas coma o dragado da ría do Burgo ou a estación intermodal, que precisan axilidade para non acumular máis atrasos


A Marea Atlántica, tras analizar o proxecto de Orzamentos Xerais do Estado, lamenta que non se contemple ningunha disposición ou previsión para condonar, nin sequera parcialmente, a débeda do Porto da Coruña, nin se dispoña ningunha achega equivalente para compensala.

O Estado cobra cada ano intereses multimillonarios por unha débeda inxusta. A condonación da débeda, ou unha achega equivalente que non aparece no proxecto de orzamentos, é a única saída razoable e realista.  “Valencia si que foi quen de facer valer o seu peso político para defender os intereses da cidadanía e recibe outros 17 millóns para anular a débeda resultante da Copa América e a Fórmula 1. O ano pasado condonáronse outros 400 millóns nos anteriores orzamentos do Estado. A Coruña merece o mesmo trato nas contas estatais pois diso depende o futuro da fachada marítima.”

O tren a Langosteira, con fondos Next Generation

A falta de conexión ferroviaria ao porto exterior de Punta Langosteira é unha anomalía que só padecen Motril e A Coruña no contexto dos portos de Interese Xeral do Estado. Para corrixila chegan agora os fondos Next Generation que, como aclara María García “precisan de proxectos en estado avanzado para que lles dea tempo a executar os investimentos. Só faltaría que malia dispoñer de fondos europeos en elevada contía, o Estado decidira manter o porto exterior sen tren. Corrixir o absurdo dun porto industrial sen tren non pode ser excusa para hipotecar a fachada marítima da cidade” 

Promesas recicladas e nada para a humanización de Alfonso Molina

Un ano máis A Coruña recibe promesas que proveñen de anos anteriores e que acumulan atrasos incomprensibles na súa execución. Este é o caso da dragaxe da ría do Burgo con anos, se non décadas, de demoras ou a construción da estación intermodal.

“O que precisan estes proxectos é que se materialicen dunha vez e non acumulen máis atrasos”, afirma a voceira da Marea Atántica, que lembra “No canto de reciclar promesas, o que precisa a cidade é executar o previdto en anos anteriores e avanzar con fondos para novos proxectos, como a humanización de Alfonso Molina ou a restauración do Cárcere Provincial, que sofre un preocupante deterioro. No caso do tren de proximidade A Coruña-Ferrol consideramos moi insuficientes as previsións contempladas para a sua modernización, non se prevé dotación para 2022, e tan só 58.000 euros para 2023, o que fai intuir un compromiso moi feble ou inexistente”.

Avances en política social, pero insuficientes. 

Os proxecto de orzamentos estatais incrementa o gasto social nun momento no que cómpre unha acción decidida das administracións para superar as consecuencias económicas da pandemia. O incremento do investimento en partidas relacionadas coas pensións, a cultura, a educación ou a igualdade é necesario, pero queda ainda moita marxe de mellora.

O dereito á vivenda debería erixirse coma unha política fundamental de calquera goberno progresista, dada a evolución actual do incremento de precios dos alugueres e das crecentes dificultades de moitas persoas para acceder a unha vivenda en aluguer. Neste eido, as consignacións orzamentarias previstas son insuficientes, xa que prevén 1000 millóns de euros para 20.000 vivendas en aluguer social cun prazo de  execución de 5 anos,  ata 2026.

 

Destacamos tamén a falta de compromiso dos novos orzamentos coa rehabilitación urbana, neste sentido, os programas para a rehabilitación e recuperación económica e social das contornas residenciais experimenta un descenso respecto ao ano 2021 do 10,4%.  

Este proxecto de Orzamentos Xerais do Estado pode e debe ser completado e mellorado. A Marea Atlántica insta ao goberno de Inés Rey a demandar diante do Estado os investimentos urxentes para A Coruña e a área metropolitana.