Saltar ao contido

Estudaremos a fondo o documento para comprobar que atende ás demandas da cidade da Coruña, desde a pasarela de Pedralonga ata a condonación da débeda do Porto, entre outras moitas cuestións pendentes

O borrador de Orzamentos chegou ao Consello de Ministras sen que Inés Rey convocase un Pleno Extraordinario para trasladar as demandas da cidade, incumprindo a moción da Marea Atlántica aprobada o 1 de outubro


A Marea Atlántica saúda a tramitación do borrador de Orzamentos do Estado para 2021 no Consello de Ministras como unha boa nova. Nun contexto de crise sen precedentes, sanitaria, social e económica, é unha boa nova que as institucións presenten presupostos para facerlle fronte. Tal e como dixo o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, estes Orzamentos 2021 son  “urxentes e inaprazables”, unhas ideas que, tristemente, non aplica o PSOE no Concello da Coruña.

Lamentablemente, nos orzamentos do Estado, entre cifra e cifra, hai varias oportunidades perdidas, sendo a maior delas a renuncia a pinchar a burbulla do alugueiro. “A regulación do alugueiro é urxente. Xa o era antes da pandemia. Leva sendo urxente anos. E cada día que ignoramos a urxencia son máis desafiuzamentos e máis familias afogadas para pagar as súa vivendas. Unha patada para adiante de catro meses non é a mellor solución, pero cando menos é un compromiso. Sumarémonos ao movemento polo dereito á vivenda e vixilaremos que o compromiso se cumpra”, indica a nosa voceira Municipal, María García. 

De cumprirse as liñas xerais anunciadas, cun aumento dos fondos para políticas sociais e servizos públicos, estaremos ante un cambio positivo e benvido tras os orzamentos antisociais sementados polo goberno do PP. Cando se coñeza o proxecto completo de orzamentos, valoraremos tamén os cambios no Ingreso Mínimo Vital, unha medida que precisa reformas para ser realmente útil na loita contra a pobreza e a desigualdade. De entrada, sobrecargar aínda máis os servizos sociais dos concellos para xestionalo non é unha boa idea. Na provincia da Coruña só foron aprobadas 2.800 de 18.000 solicitudes, unha proporción esaxerada. Mentres, medran as colas da fame e a dificultade para poder dispoñer dunha vivenda digna e de acceso aos servizos básicos. 

As demandas da Coruña

Agardamos, tamén, que os Orzamentos recollan as principais demandas da cidade da Coruña, desde a pasarela de Pedralonga á condonación da débeda do porto, sen esquecer o ferrocarril a Punta Langosteira, a mellora dos trens de proximidade, a intermodal e a humanización da Avenida da Vedra, entre outras moitas cuestións. 

Cando se dea a coñecer o borrador, estudarémolo para unha valoración máis a fondo. Pero lamentamos que este documento chegue sen que Inés Rey cumprise a moción da Marea Atlántica aprobada no Pleno o 1 de outubro e convocase un Pleno Extraordinario para que o Concello da Coruña trasladase as contas pendentes coa cidade un xeito unánime. Aínda está a tempo de cumprir. 

De igual modo, o goberno municipal aínda está a tempo de rectificar e aprobar uns Orzamentos 2021, como van facer o Estado e a Xunta, para adaptarse as necesidades da pandemia e non privar á cidade de novos investimentos. Pedímoslles que saian da parálise e cumpran as súas obrigas coa veciñanza. 

Lamentamos que o proxecto de Orzamentos do Estado pospoña a urxente regulación dos alugueiros