O Pleno do Concello aprobou hoxe unha modificación das contas acordado pola Marea Atlántica, PSOE e BNG. O PP ficou só e illado na súa intención de bloquear ao goberno
Este venres celebrouse un pleno extraordinario no Concello da Coruña, no que se aprobou a modificación dos Orzamentos 2017 para incluír 3,6 millóns de euros correspondentes aos beneficios de Emalcsa. Cos votos a favor da Marea Atlántica e o PSOE, a abstención do BNG e o voto en contra do PP, a corporación tomou a decisión de incorporar estes dividendos, tal e como se acordara no último consello de administración da empresa municipal de augas.
Durante todo o pleno quedou clara a soidade do Partido Popular e a súa incapacidade para chegar a acordos. Falan de “sectarismo” para agochar que non son quen de se entender con ningunha outra forza política. Tentaron seguir o seu costume de alterar o orzamento con emendas de última hora, pero desta vez con lograron nin un só voto a favor.
A cultura non é propaganda
Este incremento de dividendos destinarase en boa media a fomentar a actividade cultural da Coruña, cun millón de euros para o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) —que é moito máis que festas, como xa explicamos o ano pasado—. Tamén se dedican 115.000 euros a fomentar as actividades infantís durante o verán no Castelo de San Antón e nas casas museo ,entre outras áreas.
O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, sinalou que “a cultura non pode ser entendida nin tratada nunca como propaganda. Non estamos a falar dun millón de euros para festas, o que faremos é reforzar a programación cultural nas festas. Reforzamos a Feira do Libro, un verdadeiro proxecto de cidade, as actividades culturais para o público infantil, o Festival Noroeste ou Viñetas desde o Atlántico, algo que, ademais, redunda de forma importante no turismo e comercio da cidade. E, lembrou, “as festas do grupo de Goberno seguen a ser moito máis baratas que na etapa anterior, cando se gastaba unha media de 7 millóns ao ano, fronte aos 5 actuais”.
Investimento en políticas sociais
Outras políticas que se poderán poñer en marcha coa modificación os orzamentos son os 245.000 euros para axudas de emerxencia e “transferencias correntes a familias e institucións sen ánimo de lucro”, os 250.000 euros que servirán para reformar o centro asociativo García Sabell e os 354.000 euros que se investirán en melloras e reparacións dos colexios públicos da Coruña. Grazas a esta última partida, será posible atender demandas históricas que a Xunta leva anos ignorando — a pesar de ter as competencias— como o peche do patio do Anxo da Garda e a reparación do colexio Labaca.
Nesta liña, a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, lembrou que estas actuacións xa estarían aseguradas de non ser pola “alteración da previsión de ingresos que tiñan inicialmente os Orzamentos 2017. Reducir o límite do presuposto desta cidade é algo que prexudica a toda a cidadanía”, comentou a responsable municipal.
Acordo co PSOE e recuperación das emendas do BNG aos orzamentos
O modificativo de crédito aprobado hoxe foi posible grazas ao acordo do grupo da Marea Atlántica cos do PSOE e o BNG. O Partido Socialista incluíu actuacións como a reforma do centro cívico de Catro Camiños. E o Bloque Nacionalista Galego conseguiu recuperar todas as emendas que fixera nun comezo aos Orzamentos do Concello.
Estas achegas tiveron que ser eliminadas a causa da Cuestión de Confianza, que non permite modificar o proxecto de contas presentado polo goberno. Pero no seu día a Marea Atlántica comprometérase a recuperar as propostas do BNG, e hoxe cumprimos a promesa.
O entendemento, do que se excluíu o Partido Popular por vontade propia, demostrou neste Pleno ser moito máis beneficioso para a cidade que o bloqueo e a confrontación que se teñen visto en meses anteriores. Por parte da Marea Atlántica farase todo o posible para manter viva esta cooperación.
Outros asuntos
Ademais, neste Pleno Extraordinario ficou aprobado o estudo de ordenación de volumes que permitirá a construción do novo colexio público de Novo Mesoiro. Deste xeito, o Concello dálle todas as facilidades á Xunta de Galicia para cumprir a súa promesa, xa moi adiada, de dotar a este barrio dun moi necesario centro educativo.
Tamén se deu luz verde á modificación definitiva do PXOM na praza José Toubes, necesaria para converter a antiga cafetería O Remanso nun centro aberto á cidadanía. Atrás queda a obra faraónica e irregular que o PP tiña prevista para esta zona.
Todos os detalles do pleno poden consultarse na web do Concello.