Alberto Lema: “Gustaríanos un orzamento inicial ben distinto, que mobilizase a maior cantidade de recursos e os destinase aos concellos, con maior investimento social e menos subvencións directas a entidades privadas”
Nos últimos anos, a Deputación non foi quen de executar nin o 50% dos seus recursos anuais. Entramos en 2022 con 319 millóns de euros en remanentes que non chegaron a investirse
O grupo provincial da Marea Atlántica abstívose hoxe na votación inicial dos Orzamentos da Deputación da Coruña, unhas contas que afondan nos problemas dunha institución que, en palabras do noso voceiro Alberto Lema, “non é quen de devolverlle á cidadanía nin a metade do que recada en impostos. Gustaríanos ver un orzamento moi distinto, que mobilizase máis recursos aos concellos en convocatorias abertas e que reforzase o gasto social, ao tempo que frea progresivamente as subvención directas a entidades privadas”. Por iso, non podemos darlle apoio a este proxecto, pero optamos pola abstención para non bloquear a súa aprobación nun momento de crise no que todos os recursos públicos son necesarios.
Ao igual que en exercicios anteriores, estamos ante un presuposto inicial cativo, que se vai inchando ao longo do ano con sucesivos modificativos de crédito, dun xeito que amosa falta de xestión e de previsión. O goberno provincial presentou no Pleno un orzamento de 180 millóns de euros para 2022, cando o de 2021 vai rematar o ano con 511 millóns reais en ingresos, logo de que se aprobase hoxe o seu sétimo modificativo. “É unha moi mala práctica que o orzamento inicial non teña nada que ver co final, impide que os Concellos saiban cantos recursos da Deputación poderán incorporar aos seus orzamentos a comezos de ano”, sinala Alberto Lema.
Nestes momentos, a Deputación conta con 319 millóns de euros dispoñibles en remanentes de crédito, reservas por valor de 255 millóns e un remanente de Tesourería de 64 millóns de euros. E non está a ser quen de executalo. Así, no exercicio de 2020, o último completo, a institución só gastou o 43% dos seus fondos globais, deixando na caixa 252 millóns dos 445 dispoñibles finalmente. O dato empeora aínda nos capítulos de investimentos (31% de execución) e transferencias de capital (24%).
“O paradoxo desta institución é que semella ter máis máis recursos financeiros dos que é capaz de gastar anualmente, algo do que teñen parte de culpa as restricións impostas pola regra de gasto tras a crise de 2008, pero só en parte”, engadiu o noso voceiro.
O Plan de Obras comeza co 12% dos fondos do ano pasado
Alén das escasas previsións iniciais, que mesmo a Intervención sinala que poderían ser maiores, o reparto de recursos que propón o goberno provincial resulta tamén discutible. Unha das súas principais liñas de colaboración cos concellos, o Plan de Obras e Servizos, comeza o ano claramente infradotado con 21 millóns de euros, fronte aos 166 que se investiron definitivamente en 2021. Xusto o contrario do que acontece co mantemento das estradas provinciais, onde se prevé gastar 19 millóns de euros o ano que vén, a pesar de que este ano só se executaron 10.
Doutra banda, Alberto Lema lamentou que o Plan de Emprego Local, destinado a afrontar a crise de 2020, destinou máis de 12 millóns de euros a subvencións directas a empresas, e ten previsto aumentar esta partida en 2022. “Non dubidamos de que este ano era necesario acudir en socorro do sector privado, pero cómpre manter a cautela e ir regresando paulatinamente á normalidade, é dicir, a evitar a subvención indiscriminada a entidades privadas”.
Por todo isto, non puidemos apoiar o proxecto orzamentario do goberno bipartito de PSOE e BNG, e optamos pola abstención.
Aprobadas as dúas mocións da Marea Atlántica
Finalmente, neste Pleno da Deputación sairon aprobadas as dúas iniciativas presentadas pola Marea Atlántica. Unha vez máis, o noso grupo foi o que máis iniciativas políticas presentou. En primeiro lugar, volvemos reclamar o saneamento completo dos terreos e masas de auga contaminados pola antiga mina de Touro, cuxos efectos levan 30 anos sen atención e non se resolverán con proxecto que pretenden impulsar a emrpesa e a Xunta.
Doutra banda, tamén recibiu o apoio maioritario a proposta para derrogar o Decreto do Plurilingüismo no ensino, aprobado por Feijóo hai unha década só para desterrar a lingua galega dos centros escolares. Os seus efectos están a ser devastadores acelerando a perda de galegofalantes, segundo confirma un recente estudo da Real Academia Galega. Ambas as dúas mocións tiveron o apoio de todos os grupos da Deputación agás do PP, que votou en contra.