Saltar ao contido

Iago Martínez: “Favorecemos un acordo porque para nós A Coruña é sempre prioridade e nunca refén, e para enviar una mensaxe de entendemento cara o 5 de abril” 

Pese ao noso apoio ás contas municipais, lamentamos a cifra récord de 86 alegacións, mostra de que o goberno non escoita á veciñanza, e o incumprimento do acordo para dotar ao Festival Noroeste dunha dirección artística por concurso público

A Marea Atlántica fixo hoxe posible, co seu voto decisivo, a aprobación definitiva dos Orzamentos 2020 do Concello da Coruña, unhas contas netamente progresistas que servirán para beneficiar a toda a cidade. Como salientou o vicevoceiro do grupo municipal, Iago Martínez, durante o Pleno Extraordinario celebrado esta mañá, “o que distingue a unha forza que ten a chave, e para que usa esa chave, e nós sempre a usaremos para ter A Coruña como prioridade, non como refén”.

Con este acordo, que sumou as iniciativas da Marea Atlántica, o PSOE e o BNG, envía tamén unha mensaxe clara de entendemento desde unha maioría progresista, na que o municipalismo ten un peso específico. “Porque nas as eleccións autonómicas do 5 de abril, todos os votos serán necesarios para desaloxar á dereita da Xunta”, afirmou Martínez.

Os eixos deste proxecto orzamentario, marcado polas propostas da Marea Atlántica e polos proxectos herdados do goberno de Xulio Ferreiro, son a xustiza social e a igualdade, a loita contra a crise climática, a mobilidade sostible, o dereito á vivenda e o reparto equilibrado entre os barrios. Iso dará lugar a medidas como a gratuidade das escolas infantís municipais a partir do vindeiro curso, a creación dun operador enerxético 100% público na Coruña, dunha bolsa de vivenda en alugueiro social en EMVSA, ou máis de cen obras repartidas nos barrios, entre outras medidas que xa sinalamos no seu momento. Para nós, é motivo de orgullo.

Unha emenda conxunta do PSOE e a Marea permitiu recuperar as axudas Xerminal e Cultura de Barrio

Para pechar o acordo, a Marea Atlántica e o PSOE presentaron unha emenda conxunta para destinar 200.000 euros a manter as axudas de Cultura de Barrio e Xerminal, a través de concurso público aberto. Foron creadas no anterior mandato para darlle impulso ao tecido cultural da cidade sen paternalismos, e a súa conservación formaba parte no noso pacto orzamentario, pese a que non figuraran na primeira versión das contas municipais.

Quedou sen cumprir un punto do acordo, menor en contía económica pero moi relevante: a convocatoria dun concurso público para dotar ao Festival Noroeste dunha dirección artística independente. O propio voceiro do goberno, José Manuel Laje, recoñeceuno na súa intervención e prometeu resolvelo para o vindeiro ano. Pero, como explicou Iago Martínez: “En decembro acordamos unha boa práctica cultural, un concurso independente para coidar desa xoia que é o Festival Noroeste, e atopamos unha mala práctica, unha contratación a dedo no límite do contrato menor. Agardamos que non pase factura”.

Un goberno con problemas de escoita

Finalmente, Martínez referiuse á cifra récord de alegacións recibidas por estes Orzamentos, un total de 86, que amosan “que o goberno non está a escoitar á veciñanza”. Deixando de lado as que presentou o PP, tentando sacar rédito político dun trámite que non lles corresponde, alegaron entidades tan diversas como o Club Marítimo de Oza O Puntal, o grupo de persoas con discapacidade GRUMICO, o Comité Antisida CASCO, varias asociacións de veciños  ou a Fundación Rogelio Groba, entre outras moitas.

De todas estas, únicamente foron aceptadas as dos sindicatos, para garantir o cumprimento do Acordo Mardo do Persoal do Concello da Coruña, aprobado en maio, e respectar a moción da Marea Atlántica que recibiu respaldo unánime no último Pleno Ordinario. As outras foron desestimadas, “nun sinal de falta de escoita”, en palabras de Iago Martínez. “Estamos a velo tamén en Eirís, co proxecto de ampliación do hospital; en Pedralonga e Palavea cos accesos á Cidade das TIC; ou na Pasaxe, onde viven persoas, non obstáculos a un paseo marítimo. Para ser este goberno un campión do diálogo, leva unha tempada irregular. Ao mellor precisan un Fernando Vázquez”, sentenciou o concelleiro.

A modo de conclusión, Martínez lembrou que “todas as cidades se gobernan en coalición. Pode ser unha coalición político-inmobiliaria, como a que padecemos nesta cidade durante o vazquismo, ou pode ser unha coalición pública-comunitaria, como a que defendemos desde o municipalismo”.

O voto decisivo da Marea Atlántica permite a aprobación duns Orzamentos 2020 netamente progresistas