Saltar ao contido

O Pleno do Concello da Coruña vén de aprobar inicialmente as contas municipais para o vindeiro ano, que elevan o investimento un 5,65%, ata case 30 millóns de euros

Por terceiro ano consecutivo, aumenta o gasto social cun total de 45,6 millóns, 2,6 millóns máis que en 2017 (+6,1%)

 

O Concello da Coruña despide o ano cos Orzamentos 2018 xa aprobados inicialmente, cunhas contas de impulso para a cidade, que chegan aos 246,8 millóns de euros (un 3,1% máis que o ano anterior) e son os máis elevados da última década nun ano sen eleccións. Son uns orzamentos ambiciosos, expansivos e que supoñen un impulso para a cidade, e tiveron o apoio da Marea Atlántica e o PSOE no Pleno celebrado este 29 de decembro, coa abstención do BNG e o voto en contra do PP, sempre disposto a sementar o bloqueo.

Como sinalou o alcalde, Xulio Ferreiro, é unha “moi boa nova, que cambia considerablemente a dinámica á que nos abocaron nos dous últimos anos”. E chega “nun momento de incerteza, sen Orzamentos Xerais do Estado no horizonte, e poucos días despois de que a Xunta de Galicia aplicase un novo castigo á Coruña, a cidade peor tratada nas contas do goberno autonómico para 2018 cun terzo do investimento de Ourense e unha décima parte do de Vigo”.

 

Máis investimento que ningunha outra cidade galega

Se sumamos todas as partidas dedicadas ao investimento, estas contas municipais para 2018 poñen a disposición da cidade 29,2 millóns de euros para financiar proxectos e iniciativas (+5,65% desde 2017) . É o dobre que Pontevedra e dez veces máis que Ourense, a única cidade gobernada polo PP e a que menos inviste en Galicia.

#CoruñaMedraContigo (8)

 

Estas contas son posibles porque a situación económica do Concello é boa e está saneada. En dous anos, reduciuse a débeda viva nun 25%, e os préstamos nun 44,5% con respecto ao goberno anterior. “Menos débeda, máis recursos para investir no que hai que investir: nas persoas”, en palabras do alcalde. Grazas a iso, tamén é posible recuperar 5 millóns de euros (a maiores do orzamento) para investimentos sostibles na cidade. Permitirán, entre outras cousas, repavimentar case todo o barrio dos Rosales e mellorar a súa iluminación.

#CoruñaMedraContigo (2)

 

Tamén hai que sumar a inxección de fondos europeos, pois A Coruña obtivo o máximo financiamento posible no programa EIDUS, 15 millóns de euros dos que 5,4 executaránse xa o ano que vén. E o Concello chegou a acordos con quen quere negociar, como a Deputación da Coruña, que engade 1,3 millóns de euros a estas contas.

#CoruñaMedraContigo (8)

 

Compromiso co investimento social

A loita contra a desigualdade e as políticas do benestar seguen a ser un eixo central para o gobermo municipal da Marea Atlántica. Os orzamentos 2018 resérvanlle 45,6 millóns ao investimento social, 2,6 millóns máis que en 2017 (+6,1%). Falamos de políticas de vivenda (+10,8%), de xustiza social e igualdade (+5,8%), de emprego (+1,9%), de educación (+4,7) e de sanidade (+14,3%). Salienta, especialmente, a creación dun novo centro de baixa esixencia para evitar que as persoas durma na rúa, e o incremento en máis do 60% das bolsas comedor.

#CoruñaMedraContigo (3)

 

Coidado do espazo público

Neste 2018 apostamos especialmente por coidar o espazo público para garantir o dereito á cidade, para que as rúas e prazas estean ao servizo das persoas. Isto tradúcese nun incremento orzamentario do 5,5%, até os 58,7 millóns de euros. Con máis gasto en vías públicas (+17,9%),  protección e mellora do medio ambiente (+15,4%),  limpeza viaria e iluminación (+2,2%), praias (+57%),  parques e xardíns (+5,2%) e tamén a recollida e o tratamento do lixo (+3,2%).

meme11 (2)

Máis e mellores equipamentos

Na mesma liña que se leva marcada nos últimos dous anos cos colexios públicos, reforzamos aposta pola ampliación e a mellora da rede de equipamentos públicos municipais dedicándolle 20,5 millóns de euros, un 28,5% máis que en 2017. Ademais de obras de grande envergadura, como a substitución das cubertas de Riazor, que eleva nun 42,9% os recursos destinados a instalacións deportivas, melloran os centros de ensino (+6,7%), bibliotecas (+13,4%) e centros cívicos e outras infraestruturas sociais (+277%).

En 2018 abrirase o antigo cárcere da Torre para a cidadanía, reformarase do pavillón de Catro Camiños e desenvolverase o proxecto das Naves do Metrosidero, dedicado á mocidade. Mención especial para os mercados municipais: máis de 1,5 millóns con actuacións destacadas e con continuidade en exercicios posteriores nos de Monte Alto (130.000 euros), Durmideiras (286.000) e Santa Lucía (36.000 euros), ademais da mellora e reurbanización da contorna do de San Agustín (252.000 euros) e outras intervencións nos de Elviña e a Praza de Lugo.

meme10

Aposta polo emprego

Tamén son protagonistas destes orzamentos as políticas de fomento do emprego e de promoción económica, que superarán os 9,2 millóns de euros tras un incremento do 5,8%.  Trátase de ofrecerlle oportunidades a quen busca traballo (+1,9%), pero tamén de apoio ao comercio de proximidade e aos mercados municipais (+2,1%), de estímulo ao turismo sostible (+7,9%) e de axuda ao desenvolvemento de actividades produtivas (+32,2%).

#CoruñaMedraContigo (5)

Mobilidade máis sostible

O ano próximo será clave para a mobilidade sostible, cun incremento orzamentario do 30%, até os 10 millóns de euros. Isto vaise traducir na  mellora integral de BiciCoruña (1,2 millóns), coa ampliación de estacións e a compra de 500 novas bicis, a metade delas eléctricas. . Tamén se completará a rede de carrís bici (1,1 millóns); da peonalización da Cidade Vella, que afrontaremos no primeiro semestre, e doutras medidas moi importantes como a reordenación do mapa de rutas de autobús.

#CoruñaMedraContigo (6)

Coa cultura e o deporte

As políticas culturais e deportivas recibirán en 2018 39,3 millóns de euros, un incremento superior ao 10,5%. Vense especialmente reforzadas pola obra de Riazor (6,1 millóns) e pola piscina do complexo deportivo do Castrillón, que recibirá unha inxección de 500.000 euros a través da empresa pública EMVSA. Do mesmo xeito medra o IMCE, en tanto mecanismo de promoción e difusión cultura, cun millón de euros que de destinarán ás festas, e ao mantemento de centros como o Teatro Rosalía, o Ágora ou os museos científicos.

meme12

Participación e mocidade

A participación segue a ser clave, e o ano vindeiro incrementaremos os fondos para estas políticas en máis do 33,7%. A colaboración coas asociacións veciñais e coas entidades que fomentan a participación cidadá tamén se vén reforzadas nestas contas nas que, ademais, o Concello reserva case 3 millóns de euros para os investimentos escollidos pola cidadanía nos Orzamentos Participativos.

Por último, convertemos a mocidade en preocupación estratéxica e transversal na acción de goberno (representa o 16% da veciñanza e é un dos colectivos máis vulnerables), cun incremento do 14% no orzamento desta área e políticas moi significativas en distintos ámbitos, dende o impulso aos novos equipamentos ao desenvolvemento dun Plan de Emprego Xuvenil e a posta en marcha dun sistema de bolsas de inserción laboral de 400.000 euros.

#CoruñaMedraContigo (7)

 

Execución ao 80% en tan só seis meses

A aprobación destes orzamentos é unha boa nova para toda a cidade, agás para o Partido Popular e quen compra as súas mentiras e medias verdades. A única contribución do PP nestas semanas foi presentar hora e media antes do pleno unha emenda á totalidade, sen unha soa cifra. Só pedía a devolución das contas, para causar un atraso que logo poderían denunciar con vehemencia. Por fortuna, quedaron unha vez máis na soidade máis absoluta no salón plenario.

Aos argumentos do PP respondeu a concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, con datos firmes. Informou de que, “a falta de rematar de contabilizar as últimas operacións de peche de exercicio, podemos afirmar que o Concello pechará o ano cunha execución próxima ao 80% dos créditos finais”, e iso que o bloqueo da oposición só deixou seis meses para executar o orzamento. No anterior mandato, o da maioría absolutísima de Carlos Negreira, so houbo mellores cifras en 2013 e 2014

Por outro lado, a concelleira Vieito manifestou que “o Período Medio de Pago do Concello da Coruña en novembro foi de 19,5 días, 48 por debaixo da medida dos concellos con cesión de tributos”. No que vai de ano, a media municipal foi de de 24,8 días, dentro dos prazos legais.

Orzamentos 2018: expansivos, ambiciosos e de impulso para a cidade