Saltar ao contido

Xulio Ferreiro: “O PP e o PSOE pretenden bloquear a acción de goberno para que non sexamos quen de xestionar a cidade. Non o van conseguir”

As emendas aprobadas por socialistas e populares rebaixan de forma considerable as áreas de Rexeneración Urbana,Participación, Medio Ambiente e Economía Social, ademais das achegas ao IMCE e o Consorcio de Turismo

O Pleno do Concello da Coruña aprobou onte, de xeito inicial, os orzamentos para 2016. O proxecto elaborado polo goberno municipal quedou substancialmente alterado polas emendas introducidas polo PP e o PSOE, que votaron xuntos para alterar as contas, nun intento de frear as políticas do executivo. Estas emendas foron presentadas na mesma mañá do pleno, por sorpresa, e logo de que as negociacións dos presupostos leven meses abertas. “PP e PSOE pretenden bloquear a acción de goberno para que non sexamos quen de xestionar a cidade. Non o van conseguir. Seguiremos a traballar para sacar adiante unha cidade para as persoas, viva e comprometida”, afirmou o alcalde, Xulio Ferreiro.

As modificacións de socialistas e populares rebaixan de forma considerable as achegas destinadas ao IMCE e o Consorcio de Turismo, ademais de minguar importantes partidas de gasto corrente nas áreas de Rexeneración Urbana, Participación, Medio Ambiente e Economía Social.

“Non quero traizoar o pacto que teño co PP”. Foi a resposta do voceiro do PSOE cando o alcalde, Xulio Ferreiro, tentou chegar a un acordo con el. Con estas palabras recoñeceu a súa alianza co Partido Popular contra os orzamentos do goberno municipal. Unha alianza que foi negada no pleno pola representante do PP, Rosa Gallego, pero que obviamente existiu.

Non van parar a acción do goberno

SGR_010416_MG_4093Na votación final, o grupo de goberno optou por aprobar estas contas emendadas. Por que? Porque son unha opción menos mala que continuar co orzamento do PP prorrogado, e porque permiten sacar adiante medidas coma a Renda Social Municipal, que axudará a entre 500 e 1.000 familias en risco de exclusión, o Plan de Acceso a un Hábitat Digno para a erradicación dos asentamentos precarios, ou o desenvolvemento dunha estratexia integral contra as violencias machistas. Os presupostos ascenden a 244 millóns, equilibrados entre ingresos e gastos, e mesmo coa pinza de PP e PSOE, aínda é posible traballar con eles e facer políticas para o 99%.

Tamén terán cabida, a pesar das modificacións do proxecto orzamentario para este 2016, as políticas de mellora da accesibilidade e o Plan Municipal de Emprego, que aspira a reducir nun 6% o paro durante a lexislatura. Do mesmo xeito, o Goberno local mantén o seu compromiso de construír unha cidade sostible, con actuacións importantes a nivel ambiental, un esforzo en materia de saneamento e cunha aposta pola nova ordenación e xestión do tráfico e do transporte público.

As actuacións no ámbito deportivo e cultural tamén quedan recollidas nos Orzamentos de 2016. E, pese aos graves recortes introducidos polas emendas, existe unha vontade clara de apostar pola participación real e desenvolver as ferramentas necesarias para que a cidadanía poida ter voz nas accións do goberno e a capacidade de fiscalizar as súas modificacións.

Os recortes de PP e PSOE

Porén, as emendas aprobadas por medio da alianza entre o PP e o PSOE reduciron importantes partidas do proxecto orzamentario do goberno da Marea Atlántica, que estaba baseado nas propostas de todas as formacións que apoiaron a investidura de Xulio Ferreiro.

A primeira emenda, presentada polo PP e aprobada tamén cos votos do PSOE, minora en 600.000 euros a achega que o Concello lle transferirá ao Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE). O proxecto do Goberno local tiña prevista, por contra, unha achega de 4,1 millóns de euros, de cara a garantir a existencia de crédito adecuado para toda a programación do IMCE, en especial, para garantir unhas festas de María Pita en condicións.

Ademais, a modificación do PP tamén mingua en 448.000 euros a achega destinada ao Consorcio de Turismo, que ía ser de 3,3 millóns de euros, e serviría non só para desenvolver as actividades propias e habituais de promoción e fomento do turismo, senón para afrontar os gastos derivados da organización da regata de grandes veleiros Tall Ships Race.

Pola súa banda, a emenda do PSOE, que saíu adiante cos seus votos e cos dos e das concelleiras do PP, supón, en outras cuestións, dar de baixa 3,2 millóns de euros de partidas de gasto corrente: máis de 1,2 millóns na área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda; máis de medio millón nas destinadas a Participación Cidadá e Innovación Democrática; máis de 280.000 euros en Medio Ambiente e máis de 120.000 euros en Emprego e Economía Social.

Non obstante, a intención do goberno local, tal e como manifestou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, é a de “redobrar os esforzos para estar á altura da ilusión e das ganas que nos situaron aquí”.

“Hoxe vivimos un simulacro de moción de censura por parte do PP e o PSOE”, observou Ferreiro. A pesar de aprobar os Orzamentos, estamos nunha situación moi difícil. Pídesenos executar obras e négasenos a capacidade para elaborar os proxectos desas obras; pídesenos atender a compromisos xa fixados e recórtase en gastos tan esenciais como o contrato de mantemento dos ascensores”.

O alcalde engadiu que estas modificacións “pretenden que o cambio dun euro dun investimento para outro teña que pasar o mesmo trámite que un modificativo de crédito global. Isto, en termos políticos e administrativos, é unha tolemia. Se o interese é que o Concello non funcione e que este Goberno fracase, deron o paso correcto, pero, aínda así, non vai suceder. Non nos van roubar nin as ganas, nin a forza nin a ilusión coa que chegamos ao Goberno da Coruña o primeiro día”.

Orzamentos 2016: Fronte á pinza de PP e PSOE, traballo, compromiso e ilusión